Acordo de interinos - Nova Disposición Transitoria pola Covid-19


16 Out, 2020

DOGRESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade do acordo entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se engade unha nova disposición transitoria ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995, polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente desta consellería, que imparte ensinanzas distintas das universitarias (publicado pola Resolución do 28 de xuño de 2017, Diario Oficial de Galicia número 131, do 11 de xullo).

Disposición transitoria segunda

1. Con motivo da COVID-19 e ata a finalización do curso académico no que as autoridades correspondentes determinen que deixaron de concorrer as circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia xerada pola COVID-19 que motivaron a súa aprobación, se unha vez realizado o chamamento a todas as persoas que constan nas relacións mencionadas no punto segundo, continuase resultando necesario cubrir necesidades de profesorado, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, logo de comunicación ás organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria, procederá a abrir un prazo de solicitudes, aplicándose como único punto do baremo a nota media do expediente académico alegado para ingreso no corpo.

Para os posibles desempates daráselle prioridade a quen teña como inicial do primeiro apelido a letra que resulte do sorteo feito no ano da convocatoria pola Consellería de Facenda para os procedementos selectivos. De resultar necesario aplicarase a mesma letra ao segundo apelido.

2. Será requisito imprescindible a acreditación de coñecementos de lingua galega a través da presentación do Celga 4, do curso de perfeccionamento da lingua galega ou da correspondente validación ou equivalencia, o título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

3. De establecerse na convocatoria a exención temporal do requisito de formación pedagóxica e didáctica de posgrao ou equivalente, terán prioridade, en todo caso, as persoas aspirantes ao desempeño de postos en réxime de interinidade ou substitución que estean en posesión do título oficial de posgrao que acredite a súa formación pedagóxica e didáctica, ou formación equivalente.

4. En ningún caso, consolidará o dereito á prioridade na lista previsto no punto segundo.1 deste acordo, o persoal que accedera inicialmente á lista correspondente sen estar en posesión da formación pedagóxica e didáctica esixible con carácter xeral.

5. O persoal que, se é o caso, sexa chamado para prestar servizos sen estar en posesión do título oficial de posgrao que acredite a formación pedagóxica e didáctica, deberá realizar a formación que sobre este particular deseñe a Consellería de Cultura, Educación e Universidade».