ANPE e FeSP-UGT xa indicamos que a Xunta de Galicia, despois da Conferencia Intersectorial do pasado xoves, non tería máis remedio que proceder a rectificar o protocolo do mes de xullo.O DOG do sábado 29 de agosto veunos dar a razón coa publicación da ORDE pola que se aproba o Protocolo de actuación da Consellería de Sanidade en materia de saúde pública en relación con illamentos e corentenas para a prevención e o control da infección polo SARS-CoV-2 e se ditan instrucións para a tramitación dos procedementos sancionadores nestes casos. Esta orde obriga á necesaria corrección do PROTOCOLO do curso 2020-2021.
Esta esixencia sindical foi satisfeita no día de onte coa actualización do PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID 19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA PARA O CURSO 2020-2021.
A aplicación da distancia de seguridade a 1.5 metros, (medida que estas dúas organizacións xa sinalamos coma un dos aspectos centrais no retorno ao día a día das aulas) debe supoñer a baixada efectiva da rateo nas aulas do centros educativos. Será necesario efectuar desdobres, e polo tanto contratar novo profesorado nos centros de traballo.
Diante desta situación e co fin de garantir unha adxudicación de destinos coas máximas garantías e equidade posible demandamos:
1. Que se incorporen coa máxima celeridade,e sempre antes da adxudicación definitiva do CADP, as novas prazas que se teñen que crear.
2. Que ditas prazas sexan vacantes de curso académico e que non teñan que estar vinculadas ó contexto de alerta sanitaria COVID.
Por último, lembrarlle que a actualización deste PROTOCOLO hixiénico-sanitario debe ter a súa concreción no ámbito organizativo e de recursos humanos polo que seguimos a reiterar a petición de seren convocados á Mesa Sectorial para tratar estes aspectos.