NP - ANPE esixe ao goberno que garanta o mantemento de Muface e a actual cobertura sanitaria que se presta aos funcionarios
Ante o anuncio do Ministerio de Sanidade de abordar o financiamento das Mutuas e a previsible repercusión que dita medida pode ter na actual cobertura sanitaria dos funcionarios docentes, ANPE solicita o mantemento da cobertura sanitaria do persoal funcionario docente establecida na actualidade.
Nun escenario complexo e incerto como consecuencia da pandemia a nivel mundial e a dura experiencia vivida no noso país, non parece que o momento nin as condicións sexan as idóneas para recargar aínda máis o sistema público de saúde.
O documento “Plan de acción para a transformación do sistema nacional de saúde na era post- covid19”, de data 14 de xullo de 2020, contempla accións ou actuacións que poden prexudicar gravemente as actuais condicións asistenciais sanitarias dos funcionarios docentes. O Real Decreto do 22 de abril incluía xa o traspaso das competencias relativas de Muface á Seguridade Social, e nestes días, coñeceuse o borrador dun plan de acción para a transformación do sistema nacional de saúde na era post- COVID19 anunciando a intención de abordar o financiamento das mutuas.
A Mutualidad Xeral de Funcionarios Civís do Estado ( MUFACE) é o organismo público encargado de prestar asistencia sanitaria e social ao colectivo de funcionarios, á vez que desconxestiona o sistema sanitario público e facilita a asistencia sanitaria da poboación. Os datos falan por si sós:
O 80% dos funcionarios elixen a atención no sistema concertado, esta porcentaxe reflicte o grao de satisfacción deste modelo onde o Estado mantén as funcións de regular e financiar as prestacións. O outro dato é que a prima media de Muface situouse en 2018 ao redor de 883 euros anuais por asegurado, mentres que o gasto sanitario público per cápita dese mesmo ano foi de 1.224 euros (sen incluír o gasto farmacéutico nin o gasto destinado a mutualidades), o que supón un aforro de 341 euros por mutualista para a Administración.
Por tanto, Muface achega un aforro económico ás arcas públicas.
ANPE esixe ao Goberno que garanta a actual cobertura sanitaria aos funcionarios pertencentes a Muface. O Estado ten como un dos seus principais deberes e obrigacións garantir para os seus funcionarios os mellores servizos sanitarios e estes non deberían verse afectados unha vez máis por cuestións de índole ideolóxica moi afastadas das verdadeiras necesidades reais da poboación, concretamente a dos funcionarios. ANPE valora satisfactoriamente a cobertura social e sanitaria que presta Muface aos funcionarios, concretamente ao colectivo docente.