ANPE GALICIA MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN A UN RETORNO ANTICIPADO ÁS AULAS


07 Mai, 2020

NPANPE GALICIA MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN A UN RETORNO ANTICIPADO ÁS AULAS E SOLICITA UNHA ENTREVISTA COA CONSELLEIRA DE EDUCACIÓN.

ANPE Galicia considera imprescindible a celebración dunha reunión coa Conselleira de Educación para solicitar unha Mesa Técnica na que abordar cos representantes dos traballadores a situación actual e futura en relación ao comezo do vindeiro curso e coa finalidade de consensuar un plan de actuación completo e detallado. Ante a situación e o horizonte marcados polo goberno do Estado, de reinicio da actividade lectiva presencial en setembro con carácter xeral, é necesario xestionar o final do presente curso e planificar o comezo do seguinte.

Para a nosa organización hai dúas premisas fundamentais e básicas que deben servir como punto de partida:

●     A saúde e seguridade de toda a comunidade educativa en xeral, e dos profesionais da educación en particular, está por riba de todo.

●     A función dos centros docentes é EDUCATIVA e NON ASISTENCIAL.

Tendo como punto de partida estas dúas premisas básicas, desde ANPE Galicia consideramos que ante a falta de garantías sanitarias ofrecidas polo goberno en materia de desinfección, dotación de equipamentos de seguridade necesarios como poden ser mascarillas, xeles hidroalcohólicos e adecuación dos espazos para o mantemento da distancia persoal, calquera volta ás aulas NON PODE TER CARÁCTER OBRIGATORIO nin para o alumnado nin para o profesorado e máis aínda sen ter elaborada unha determinación previa dos colectivos de risco.

Desde ANPE Galicia nos opoñemos á idea trasladada polo Goberno de España e respaldada públicamente pola Consellería de Educación do retorno ás aulas do alumnado de infantil, entendendo que os colexios non teñen un carácter asistencial senón educativo. No caso da nosa Comunidade Autónoma mesmo se manifestou a intención de ampliar dito retorno ao alumnado de outras etapas o que, aínda sendo con carácter voluntario, non consideramos axeitado aludindo ao mesmo argumento do carácter educativo dos centros.

Como conclusión, trasladaremos á Conselleira de Educación a nosa oposición ao reinicio da actividade lectiva presencial no vixente curso 2019/2020, polos seguintes motivos:

●     Dado o escaso horizonte temporal que temos por diante, habería que realizar un esforzo colosal en materia de desinfección dos centros e de dotación dunhas mínimas medidas de seguridade que non aportarían, en todo caso, garantías sanitarias suficientes.

●     A transición duns hábitos de traballo a distancia ao regreso á actividade presencial plantexa igualmente dificultades en tan axustado lapso de tempo.

●     Non entendemos como poderá o profesorado atender de forma paralela un ensino presencial e outro online, ante a falta de recursos telemáticos suficientes nos centros. Entendemos que tampouco hai recursos suficientes para garantir o acceso universal de todo o alumnado a un ensino gratuíto en modalidade online.

●     No mellor dos casos, estimamos que no caso de reiniciarse a actividade lectiva presencial un mes antes do final do curso, o alumnado só tería dúas semanas nesta modalidade, ao ter necesariamente que establecerse rotacións na asistencia do alumnado para manter as distancias de seguridade. Polo tanto, poñemos en dúbida que mereza a pena asumir tantos esforzos e riscos para un período presencial tan curto.

Cremos que a mellor aposta é por unha boa planificación do seguinte curso para reforzar e recuperar os contidos e destrezas que non se puideran traballar de xeito axeitado no último trimestre do presente ano académico. Para iso é fundamental, desde o noso punto de vista, o establecemento dun plan de dixitalización educativa ambicioso que permita a todo o alumnado e a todo o profesorado afrontar posibles situacións de emerxencia similares á actual.

 

                                                                                                        Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020.