ANPE esixe o mantemento de todas as prazas de oposicións de 2020


22 Abr, 2020

WEB - ANPE esixe o mantemento de TODAS as prazas da Oferta do 2020 na convocatoria de 2021 máis as propias da Oferta do 2021 e unha planificación do que resta de curso e do comezo do vindeiro.

Presenta unha serie de peticións tras a comparecencia da Conselleira de Educación na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia.

 Despois da comparecencia, na mañá de hoxe mércores 22 de abril de 2020, da Conselleira de Educación na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, desde ANPE Galicia lamentamos que non se tivera en conta en ningún momento aos lexítimos representantes dos traballadores do eido educativo á hora de acordar medidas que afectan directamente ás súas condicións de traballo. Desde a nosa organización criticamos abertamente o oscurantismo e o proceder unilateral da Consellería de Educación na súa xestión, ou máis ben falta da mesma, na crise sanitaria actual.

Unha vez feita esta crítica inicial, desde ANPE Galicia consideramos que hai unha serie de puntos fundamentais que consideramos que seguen sen aclararse e que para a nosa organización son básicos e que enumeramos a continuación:

1.- Unha vez coñecida a postura final da Consellería de Educación en relación á celebración das oposicións docentes e o seu aprazamento ao 2021 por falta de garantías sanitarias necesarias para a súa celebración, desde ANPE Galicia insistimos en que non se pode perder ningunha das prazas convocadas na OEP 2020 pero, descoñecemos o alcance legal e a loxística se realmente se abre o prazo de inscrición cando se levante a suspensión dos prazos administrativos. Que pasará coas prazas de 2021?, quen poderá matricularse?, serán nas mesmas datas?... Esperamos que mañá a Conselleira na videoconferencia que manteremos aclare todas estas cuestións.

2.- Coñecer a planificación da Consellería de Educación sobre a volta do alumnado ás actividades lectivas presenciais insistindo na necesidade de preservar,por riba de todo, a saúde de toda a comunidade educativa; así como, a planificación deste final de curso e do comezo do vindeiro en canto a medidas de protección e de seguridade laboral da comunidade educativa, espazos, quendas de asistencia, etc. Así mesmo, deben elaborarse unhas instrucións claras e detalladas con todos os aspectos organizativos dos mesmos.

3.- Coñecer e insistir na necesidade de ter uns criterios de titulación e de promoción do alumnado comúns para todo o Estadoque eviten situacións de desigualdade entre diferentes comunidades autónomas.

4.- Esixir unha planificación axeitada para evitar posibles colapsos en prazos administrativos e convocatorias pendentes unha vez levantado o Estado de Alarma: matrícula de oposicións, comisións de servizos, concurso de adxudicación de destinos provisionais, renovación de direccións dos centros educativos, admisión de alumnado....Deben elaborarse instrucións claras e detalladas ao respecto e unha calendarización axeitada e racionalde ditos procesos pendentes.

5.- Esixir a creación dun plan de potenciación e mellora do ensino telemático e de dotación de medios e recursos, tan necesarios como está a quedar de manifesto na situación actual, tanto para o profesorado como para o alumnado e que sirva para eliminar as actuais diferenzas existentes fundamentalmente entre o alumnado e en previsión de que no vindeiro curso se poidan alternar períodos de ensino on line con períodos de ensino presencial en función da evolución da situación sanitaria.

Secretaría de Comunicación ANPE Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020.