ANPE pide SENTIDO COMÚN, coordinación e claridade nas instrucións aos docentes


16 Abr, 2020

WEBANPE ESIXE ÁS ADMINISTRACIÓNS EDUCATIVAS UNHAS INSTRUCIÓNS CLARAS E CONCRETAS DE CARA AO FINAL DE CURSO QUE RESPECTEN A AUTONOMÍA DOS CENTROS E A LIBERDADE DE CÁTEDRA DO PROFESORADO 

Tras a rolda de prensa da ministra e a nota informativa da conselleira, ANPE só pide SENTIDO COMÚN,  respecto mutuo entre ambas institucións e coordinación para que esta situación excepcional poida finalizar da mellor maneira posible tendo en conta o benestar de profesorado e alumnado.

Para ANPE, as medidas que se vaian adoptar e as instrucións para aplicar polos centros educativos e os seus docentes deben ser claras, concisase estar acordadas con todas as Comunidades Autónomas para evitar diferenzas entre as mesmas e que poidan afectar ao principio de igualdade de oportunidades do alumnado.

Ante a idea non suficientemente aclarada de promover un aprobado xeneralizado para o alumnado, desde ANPE apostamos por unha avaliación flexible, pero tamén rigorosa e obxectiva.As decisións sobre a avaliación e promoción do alumnado deben recaer no profesorado de cada un dos grupos de alumnos, que é quen coñece ao alumnado e ten os suficientes elementos para tomar as decisións sobre a súa promoción ou non, tanto polo traballado nos dous primeiros trimestres, fundamentalmente, como polo que se realice durante este período de confinamento. 

En ningún caso as decisións de promoción case xeneralizada de curso que se pretende poden socavar o principio de autonomía dos centros e a liberdade de cátedra do profesorado. 

Ademais, desde ANPE plantexamosque as recuperacións das materias pendentes se poidan realizar no mes de setembro e que, de cara ao comezo do curso seguinte, leve a cabo unha avaliación inicial de diagnóstico para poñer en marcha medidas de reforzo desde o mes de setembro, destinando os recursos humanos necesarios con medidas como apoios e desdobres nas materias que sexa necesario fundamental para o alumnado pero, que en ningún caso, debe supor un SOBREESFORZO para o profesorado

Sobre as decisións de manter os centros abertos no mes de xullo, trátase máis ben dunha medida de carácter asistencial e lúdica, como xa acontece nalgúns concellos que en ningún caso participarán das mesmas nin o equipo directivo nin o profesorado do centro, xa que serán realizadas por persoal alleo ao mesmo. 

ANPE, unha vez máis, quere recoñecer o enorme traballo do profesorado para adaptarse a esta nova situación e esixe que se poñan en marcha para o futuro todos os recursos que sexan necesarios para a dixitalización total dos centros e do alumnado, evitando a fenda dixital actualmente existente.