As organización sindicais que formamos parte da Mesa Sectorial de Educación non fomos consultadas en ningún momento sobre as decisións que se están a adoptar por parte da administración educativa ao respecto da situación creada pola emerxencia sanitaria e o estado de alarma. Esta falta de contraste coa representación do profesorado seguramente explica en boa medida as decisións contraditorias e faltas de rigor que o seu departamento veu adoptando nestas semanas.
O profundo malestar pola actuación da súa Consellaría xa se evidenciou desde as primeiras decisións que tomaron, dun xeito absolutamente unilateral e contraditorio, nas ins- trucións sobre a presenza do profesorado nos centros educativos.
O hermetismo, a ausencia absoluta de interlocución coa sociedade e, en concreto coas organizacións sindicais, cobra unha especial relevancia en todo o relacionado co desen- volvemento do final do curso académico e na celebración ou non das oposicións nas datas inicialmente previstas. Os cambios de criterio, as mensaxes contraditorias son, desde o noso punto de vista, totalmente impresentábeis e unha falta de respecto para as miles de persoas que participarán nos procesos selectivos.
Como representantes das organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial, esiximos a convocatoria urxente e inmediata deste órgano de negociación e demandamos a súa presenza nesa reunión. Solicitamos que sexa na Mesa onde se trate tanto a determinación sobre as oposicións docentes como as medidas a adoptar até finais de curso e que teñen unha incidencia directa no profesorado galego.
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2020.
CIG-ENSINO CCOO-ENSINO ANPE FESP-UGT