As axudas económicas previstas consisten nunha compensación do custo diario do menú por comensal, entendido como o servizo de comida ao mediodía, e polos días lectivos de suspensión da prestación do servizo como consecuencia das medidas adoptadas pola pandemia do COVID-19.
Para estes efectos, () determínase que o prezo máximo para satisfacer en concepto de compensación por materias primas é de dous euros e cincuenta céntimos (2,50 €), nos casos de gratuidade total, e dun euro e cincuenta céntimos (1,50 €) nos casos de gratuidade que teñen a obriga de satisfacer un euro (1 €) pola prestación do servizo.
Esta orde compensará os días lectivos correspondentes aos primeiros 14 días naturais de suspensión acordados polo Consello da Xunta de Galicia, que para os efectos educativos comezaron o día 16 de marzo e que totalizan 9 días lectivos. Inclúe tamén os 15 días de prórroga autorizados polo Congreso dos Deputados e que rematarían ás 00.00 do día 12 de abril e que se corresponden con 2 días lectivos de marzo e 3 días lectivos do mes de abril ata o comezo das vacacións de Semana Santa. Eventualmente, para o caso dunha ulterior prórroga do estado de alarma, calcúlanse os 14 días lectivos ata o 1 de maio de 2020. Un total de 28 días lectivos en 2 libramentos.
Poderán ser beneficiarias destas compensacións as familias con un ou máis fillas/os escolarizados en centros públicos xestionados pola consellería que teñan a condición de comensais gratuítos ou pagadores dun euro nas relacións de comensais correspondentes ao 31 de xaneiro de 2020.
Tendo en conta a condición previa de comensal gratuíto ou semigratuíto dun euro, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
As familias que acrediten dificultades para formalizar a solicitude por medios electrónicos poderán solicitar que o equipo directivo do centro educativo en que se escolarizan as/os súas/seus fillas/os colaboren na formalización da solicitude. Para estes efectos, os centros con comedor escolar habilitarán un horario especifico que anunciarán ás familias.
A solicitude será única por cada familia e incluirá a totalidade das fillas e dos fillos escolares de ensinanzas obrigatorias.
Establécese un prazo especial de presentación de solicitudes para atender o pagamento das compensacións que comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 6 de abril, ambos os dous incluídos.