Nova orde de Comisión de servizos en atención a situacións persoais especiais por motivos de SAÚDE


09 Mar, 2020

DOGORDE do 28 de febreiro de 2020 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación en centros dependentes desta consellería en atención a situacións persoais especiais por motivos de saúde (código de procedemento ED010B).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece a obriga de relacionarse electronicamente coa Administración aos seus empregados/as para os trámites e actuacións que realicen. Pola súa vez, ademais de abordar a obrigatoriedade do emprego de medios electrónicos, resulta necesario modificar a anterior regulación en relación coas persoas solicitantes, os requisitos de participación, o prazo de presentación de solicitudes e a documentación que se debe presentar no procedemento.

Así mesmo, modifícanse os requisitos para a concesión da adscrición temporal en comisión de servizos por motivos de saúde, unha vez que a distancia da localidade de destino debe ser superior a 50 km da localidade de residencia e débese solicitar no concurso xeral de traslados praza para a localidade ou localidades en que se solicita a comisión de servizos, salvo en casos excepcionais que serán obxecto de avaliación pola comisión de valoración. Pola súa vez, as persoas interesadas deberán solicitar no concurso de adxudicación de destinos provisionais en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, salvo determinados centros que serán de solicitude voluntaria.

Por outra banda, simplifícase a documentación que deberá presentar a persoa solicitante, unha vez que non será necesario achegar probas médicas senón que abondará co informe médico actualizado do persoal médico de atención primaria e/ou especialista acreditativo da enfermidade/s alegada/s e, ademais, comprobaranse, de non existir oposición e cando corresponda á Xunta de Galicia a súa expedición, o grao de discapacidade do persoal docente e o grao de discapacidade e dependencia da persoa familiar, segundo o caso.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución do concurso xeral de traslados no Diario Oficial de Galicia.