ANPE reúnese coa ministra Celaá e pídelle que esta sexa a lexislatura do profesorado


27 Feb, 2020

WEBANPE reclamou á Ministra a necesidade da convocatoria inmediata da mesa de negociación do Ministerio de Educación para abordar canto antes a situación do profesorado, cos seus lexítimos representantes, de fronte ao futuro deseño e desenvolvemento da función docente.

Esta mañá, a Ministra, Isabel Celaá, e o Secretario de Estado, Alejandro Tiana, recibiron ao representantes de ANPE e tratáronse, entre outras cuestións, a nova Lei educativa ( LOMLOE), cuxo anteproxecto será aprobado polo Consello de Ministros proximamente, e a situación actual do profesorado.

ANPE entregoulle á ministra un documento con propostas e reivindicacións básicas que, ao noso criterio, son necesarias e fundamentais para mellorar o noso sistema educativo.

Para ANPE, o novo anteproxecto de lei que se está tramitando non é a reforma global e profunda que necesita a educación en España, é unha reforma parcial que, aínda que é certo que corrixe algunhas das deficiencias da LOMCE relacionadas con medidas académicas, o deseño curricular, a estrutura dos ciclos e o funcionamento dos centros, non aborda outras cuestións fundamentais como a estrutura do sistema educativo ou a situación do profesorado, que só é aludida nunha disposición adicional para o seu futuro desenvolvemento no prazo dun ano.

Pero, ademais, desde ANPE trasladamos á Ministra o noso desacordo con algunhas das novidades que a LOMLOE introduce, como a posibilidade de titular en Bacharelato cunha materia pendente, que esperamos que sexan corrixidas no trámite parlamentario.

No que respecta a a situación do profesorado e ao posible futuro desenvolvemento normativo ao que alude o anteproxecto de lei, desde ANPE insistimos na necesidade de abordar a situación do profesorado desde unha dimensión global e conxunta e non con medidas parciais e illadas.

Para ANPE é fundamental unha Lei da Profesión docente que regule a formación inicial, as condicións habilitantes para ser docente no ensino non universitario e o desenvolvemento da liberdade de cátedra entre outros aspectos.

Doutra banda, no que á función pública docente refírese, desde ANPE volvemos reiterar á Ministra a necesidade de establecer un Estatuto da Función Pública docente que regule o acceso e ingreso á mesma, unha carreira profesional que faga máis atractiva e motivadora a función docente, e que estableza o encadre de todos os corpos docentes en grupo A1, sentando, á súa vez, as bases para conseguir a equiparación salarial e de condicións laborais do profesorado en todo o Estado.

Desde ANPE trasladámoslle á Ministra e ao Secretario de Estado a nosa vontade de dialogar e chegar a acordos para mellorar o sistema educativo e as condicións laborais e sociais do profesorado, perdidas en anteriores lexislaturas, e para dar resposta aos retos e desafíos aos que se enfronta a educación en España.