FP - Probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior


07 Feb, 2020

DOGORDE do 20 de xaneiro de 2020 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2020 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao centro onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Estas listaxes terán efectos de comunicación ás persoas que presenten reclamación.

Todos os institutos de educación secundaria que impartan ciclos formativos de formación profesional e os centros integrados de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

 A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel)

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2019/20. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.

As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 28 de maio de 2020

A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2019/20. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.

As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 23 de abril de 2020