Volver

Galicia Mar 25, 2019

CELGA - Probas para a obtención dos certificados de lingua galega


DOGRESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2019 (código de procedemento PL500C).

As probas dos distintos niveis Celga terán lugar no mes de xuño de 2019. As datas concretas serán debidamente publicitadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal), cun mínimo de 15 días naturais antes da data fixada para o primeiro exame.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I desta resolución, e aboar a taxa que se indica na convocatoria. O formulario de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal. Deberán indicar nel a proba ou as probas ás que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Conforme a actualización das tarifas de taxas recollida na Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, o importe correspondente á inscrición nas probas Celga é de 16,19 euros.

As persoas interesadas presentaranse 30 minutos antes da hora de entrada, no lugar e na data de realización das probas, provistas do documento que acredite a súa personalidade (DNI, NIE ou pasaporte) e dun bolígrafo. Non se admitirá ningún tipo de material de apoio.

– Probas do Celga 1: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos. 

– Probas do Celga 2: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e a proba oral terá unha duración máxima de 10 minutos. 

– Probas do Celga 3: a proba escrita terá unha duración de dúas horas e media e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos. 

– Probas do Celga 4: a proba escrita terá unha duración de tres horas e a proba oral terá unha duración máxima de 15 minutos.

A proba oral será gravada como garantía do proceso.

 

 

 


#Plurilingüismo #Acreditación Lingüística

Volver