Adxudicación definitiva do concurso para postos de escolarización ao alumnado de atención preferente


01 Ago, 2018

DOG - RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se procede á adxudicación definitiva do concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira e en prácticas do corpo de mestres para cubrir, en comisión de servizos, postos de escolarización ao alumnado de atención preferente.

Primeiro. Publicar no anexo I desta resolución a adxudicación definitiva dos postos obtidos no concurso de méritos específico convocado pola referida orde.

Segundo. Publicar no anexo II o baremo definitivo das persoas participantes no concurso de méritos específico agás o das persoas excluídas definitivamente deste que se publican no anexo III xunto coas causas de exclusión.

Terceiro. De conformidade co disposto no artigo oitavo da orde, as persoas seleccionadas deberán incorporarse ás prazas obtidas con data do 1 de setembro de 2018 e cesarán no seu destino de orixe o 31 de agosto do mesmo ano.

Cuarto. As prazas adxudicaranse en réxime de comisión de servizos e con reserva do posto de traballo de orixe, por un período dun ano prorrogable ata que o alumno finalice a etapa educativa que cursa e como máximo por un período que, incluída a comisión de servizos inicial e as eventuais prórrogas, non poderá superar os 6 anos de duración. A prórroga exixirá petición da persoa interesada e o informe favorable do equipo de orientación específico.

Quinto. Contra esta resolución, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular con carácter potestativo un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o xulgado do contencioso administrativo que resulte competente, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.