ANPE reclama que os cambios na FP vaian acompañados de máis recursos e mellores condicións para o profesorado
O Real Decreto 1047/2026 introduce modificacións relevantes na ordenación da Formación Profesional, entre as que destaca a redución progresiva das ratios, así como novos requisitos organizativos e de calidade e un reforzo das funcións dos centros.
Desde ANPE valoramos positivamente aquelas medidas que contribúan a mellorar a atención ao alumnado e a calidade do ensino público, especialmente a redución das ratios. Porén, para que estas medidas sexan efectivas, a Consellería debe acompañalas dunha planificación adecuada da oferta educativa, do reforzo das plantillas e da dotación dos recursos materiais e humanos necesarios.
A formación dual, a coordinación coas empresas, o seguimento do alumnado e as novas esixencias de avaliación e calidade supoñen máis responsabilidades para os centros e o profesorado, que deben contar co tempo e co recoñecemento profesional correspondentes.
ANPE esixirá que a aplicación desta normativa en Galicia non quede nunha declaración de intencións: menos alumnado por aula, máis profesorado, recursos suficientes e condicións laborais dignas. A modernización da FP debe servir para fortalecer a rede pública e mellorar a calidade do ensino, non para incrementar a carga de traballo dos seus docentes.