ANPE considera imprescindible que o recoñecemento como Centro de Referencia Nacional vaia acompañado dos recursos necesarios
A incorporación do CIFP Paseo das Pontes á Rede Estatal de Centros de Referencia Nacional supón un importante recoñecemento ao seu labor e unha oportunidade para reforzar a innovación, a formación e a colaboración co sector produtivo no ámbito da FP.
Porén, este novo marco tamén implica asumir máis funcións e responsabilidades, que deben ir acompañadas dunha dotación suficiente de recursos humanos, materiais e económicos.
Desde ANPE consideramos que non se poden atribuír novas competencias e incrementar as esixencias organizativas e formativas dun centro sen garantir as condicións necesarias para desenvolvelas. É imprescindible protexer as condicións laborais do profesorado, evitar sobrecargas de traballo e asegurar o recoñecemento profesional das novas responsabilidades.
O prestixio e a excelencia da Formación Profesional non poden sustentarse no esforzo adicional do profesorado, senón nun compromiso real da Administración cos recursos e coas condicións necesarias para garantir a calidade do ensino público.