• Noticia nova

Servizos mínimos para a folga do 11 de novembro


09 Nov, 2026

DOG - ORDE do 6 de novembro de 2026 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 11 de novembro de 2026.

SERVIZOS MÍNIMOS: quedará garantida a apertura e o peche de todos os centros.

  • Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros da persoa titular da dirección, ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

    A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

    Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación, así, cando un servizo público asume esta responsabilidade, non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

    O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que por ter diminuídas as súas capacidades necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores de alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. O alumnado dos centros de educación especial ten unhas necesidades relativas á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal sanitario, persoal coidador, de comedores e de limpeza.

    Os centros residenciais docentes teñen como característica propia a presenza do alumnado fóra do horario lectivo, para realizar actos da vida cotiá que o resto fai no seu domicilio particular, como estudar, durmir ou comer. Nestes centros debe quedar garantida, xa que logo, a atención mínima para que esas actividades non se poidan ver alteradas con risco ou desatención para os usuarios do servizo; trátase de garantir minimamente a hixiene, a alimentación e a seguridade, razón pola cal resulta necesaria a presenza dun membro do equipo directivo, así como de parte do persoal de limpeza, de comedor e subalternos.

DEREITOS

  1. Secundar a folga legalmente convocada. 
  2. Non acudir ao centro se se participa na folga. 
  3. Non ser substituído por outro docente. 
  4. Non sufrir sancións nin represalias pola participación. 
  5. Exercer liberdade sindical e de expresión no marco legal. 

DEBERES / CONSECUENCIAS

  1. Asumir o desconto de salario (día proporcional + parte da paga extra).
  2. Cumprir os servizos mínimos se se está designado.
  3. Respectar o dereito a non folga doutros compañeiros.
  4. Non obstaculizar o traballo de quen non secunde a folga.
  5. Aceptar que non se recupera o día de folga con horas ou tarefas posteriores.

Segundo os artigos 2.1 e 3 un docente incluído en servizos mínimos non pode legalmente secundar a folga.

  • O folguista ordinario → só perda de salario.
  • O designado en servizos mínimos que non acode → perda de salario + responsabilidade disciplinaria, ao ser unha obriga legal ineludible.