• Noticia nova

Plan anual de capacitación do profesorado de Formación Profesional


08 Xul, 2026

WEB - Plan anual de capacitación do profesorado de Formación Profesional

Aspectos positivos

  • Maior oferta de formación especializada. Facilita o acceso a formación en ámbitos de alta demanda (IA, ciberseguridade, robótica, Industria 5.0, etc.), mellorando a cualificación profesional.
  • Actualización tecnolóxica. Permite manter o profesorado ao día en sectores en constante evolución, especialmente na Formación Profesional.
  • Máis relación coas empresas. As estadías formativas e a colaboración co tecido produtivo poden achegar unha visión máis real das necesidades do mercado laboral e trasladalas á práctica docente.
  • Impulso á innovación metodolóxica. Promóvense metodoloxías activas, a aprendizaxe baseada en proxectos e o uso de novas ferramentas dixitais.
  • Internacionalización. Amplíanse as oportunidades para participar en programas europeos e mellorar a competencia lingüística.
  • Desenvolvemento profesional. A especialización pode favorecer a participación en proxectos de innovación e fortalecer o perfil profesional do profesorado 

Aspectos negativos ou retos

  • Incremento da carga formativa. A actualización permanente convértese nunha expectativa cada vez maior, o que pode supoñer máis dedicación fóra do horario lectivo.
  • Maior esixencia tecnolóxica. Non todo o profesorado parte do mesmo nivel de competencia dixital, polo que a incorporación acelerada da IA e doutras tecnoloxías pode xerar desigualdades e presión profesional.
  • Máis burocracia. A participación en proxectos de innovación e formación adoita levar asociadas memorias, avaliacións e outras tarefas administrativas.
  • Dependencia dos recursos dos centros. Moitas das actuacións previstas requiren equipamento e infraestruturas que non sempre están dispoñibles en todos os centros educativos.
  • Posible afastamento da realidade dalgunhas especialidades. Algunhas liñas formativas poden responder mellor ás necesidades de determinados sectores produtivos ca ás doutras familias profesionais.
  • Máis responsabilidades sen compensación. O plan incorpora novas competencias (intelixencia artificial, dixitalización, internacionalización, orientación, sustentabilidade…) sen prever unha redución doutras tarefas docentes nin medidas específicas de compensación.


Sobre o papel, este plan presenta obxectivos ambiciosos e medidas que poden contribuir á mellora da Formación Profesional. Porén, a experiencia acumulada polo profesorado lévanos a ser prudentes. Ao longo dos anos vimos como moitas iniciativas se traduciron nun incremento das funcións docentes, da burocracia e das esixencias de formación, sen que iso fose acompañado de máis tempo, máis recursos, máis recoñecemento profesional ou unha mellora das condicións laborais.


Desde ANPE, entendemos que a modernización da FP non pode sustentarse unicamente no compromiso e na boa vontade do profesorado. A innovación, a dixitalización e a formación continua requiren investimento, redución de carga burocrática, tempo dentro da xornada laboral para a actualización profesional e medidas reais de apoio aos centros e ao persoal docente.
Porque o papel aguanta todo, pero os plans só serán cribles se veñen acompañados de compromisos concretos e de recursos suficientes. Sen iso, existe o risco de que esta nova folla de ruta acabe converténdose, unha vez máis, nunha acumulación de obrigas e responsabilidades que recaian exclusivamente sobre o profesorado.