WEB - ANPE e o resto de OOSS da Xunta de Persoal da Coruña piden o cesamento do novo Director Territorial

A Xunta de Persoal docente da Coruña quere manifestar publicamente o seu firme rexeitamento ao nomeamento do novo Director Territorial, José Santiago Freire Abeijón, ao considerar que non reúne o perfil profesional nin persoal axeitado para desempeñar un cargo de tal relevancia no ámbito educativo.
O pasado luns, 23 de marzo, esta Xunta de Persoal solicitou formalmente á Consellería de Educación o seu cesamento. A día de hoxe, non se recibiu ningunha resposta por parte da Administración.SOLICITUDE e XUSTIFICANTE
Hoxe mércores 25 de marzo estaba convocada a primeira Xunta de Persoal ás 10 da mañá á que o Director Territorial non acudiu, escusando o Inspector Xefe a súa ausencia por haber unha incidencia “urxente” nun centro de Lousame, da que xa era coñecedor onte martes, sen comunicárnolo previamente. Estamos ante a primeira mostra de falta de respecto cara ao profesorado, a través da Xunta de Persoal.
Xa é “coincidencia” que ante a primeira convocatoria da Xunta de Persoal, na que o principal punto da orde do día era a petición do seu cesamento, haxa unha incidencia no comedor dun centro de Lousame, concello no que foi alcalde durante varios anos.
Esta mesma dilixencia e presenza física é a desexable para este cargo ante todos os problemas educativos dos centros docentes da Coruña.
Con todo, dende este órgano de representación do profesorado, consideramos que a designación deste cargo debería responder a criterios de mérito, capacidade e coñecemento do sistema educativo, nun contexto tan complexo como o actual no que os centros afrontan importantes retos organizativos, pedagóxicos e sociais. E os antedecentes públicos do Director Territorial resultan absolutamente incompatibles co exercicio dun cargo de responsabilidade educativa: investigacións abertas por organismos fiscalizadores, polémicas polo uso de fondos públicos e posicionamentos e comentarios que chocan frontalmente cos valores democráticos e cos principios dunha escola pública, plural e inclusiva
Por todo o anterior, a Xunta de Persoal docente da Coruña reitera a súa esixencia de cesamento inmediato e reclama o nomeamento dunha persoa que conte cunha traxectoria profesional vinculada ao ensino e cun compromiso firme cos principios de igualdade, respecto e servizo público.
Igualmente, advírtese que non se tolerará ningún comportamento discriminatorio nin actitudes que supoñan unha falta de respecto cara ás mulleres ou a calquera outro colectivo.
E para que así conste, asinan as Organizacións Sindicais que conforman na Xunta de Persoal Docente da Coruña,
CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE e STEG.