WEB - ANPE defende unha OEP negociada e con garantías: sen negociación non hai OEP xusta
O Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de anunciar en rolda de prensa, na mañá de hoxe, 4 de febreiro, as especialidades que se convocarán na vindeira Oferta de Emprego Público.
➡️Consulta as PRAZAS POR CORPOS E ESPECIALIDADES
Este modo de proceder, que nos últimos anos parece ter adquirido carácter de norma non escrita, condiciona de maneira moi relevante a capacidade real de negociación das organizacións sindicais no seo da Mesa Sectorial de Educación, órgano legalmente establecido para o diálogo social. A reunión prevista para a próxima semana corre así o risco de verse reducida a un mero trámite informativo, sen marxe efectiva para o contraste de posicións nin para a incorporación de propostas.
Con esta actuación, a Consellería volve situar a comunicación pública por diante do necesario intercambio institucional cos representantes do profesorado, facendo chegar ao colectivo opositor unha información de enorme importancia sen que as organizacións sindicais teñan tido acceso previo aos datos nin á documentación precisa para exercer con garantías a súa función de negociación, asesoramento e defensa dos dereitos do profesorado.
Dende ANPE, sindicato independente do profesorado, reclamamos que a Mesa Sectorial de Educación recupere o papel que lle corresponde como verdadeiro espazo de negociación, con información completa e anticipada, tempos axeitados e vontade real de diálogo. Só así se poden garantir procesos de acceso á función pública baseados na transparencia, na seguridade xurídica e no respecto ao profesorado e ao colectivo opositor.