• Noticia nova

Por fin temos as nóminas regularizadas: corríxese o pagamento de sexenios e titoría


27 Xan, 2026

WEBPor fin temos as nóminas regularizadas: corríxese o pagamento de sexenios e titoría

Logo do cobramento dos atrasos pendentes, celebramos a corrección do erro no pagamento de sexenios e titoría durante o ano 2025. Tras revisar a orde para a confección de nóminas que se publicou onte, damos por boas as cifras que inclúen a parte fixa da suba para este 2026.

Esta corrección é froito do consenso coa Consellería e do traballo constante na comisión de seguimento do Acordo sobre medidas de mellora por parte de CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP (cando se produciu esta situación CSIF aínda non se unira). 

Cando foi preciso, recorrimos á vía xudicial para garantir o seu cumprimento e non por iso deixamos de traballar para alcanzar unha solución.

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP informamos ao profesorado galego de que a Consellería de Educación regularizou as cantidades pendentes e corrixiu o erro aplicado en 2025 no cálculo dalgúns complementos retributivos vinculados ao Acordo sobre medidas de mellora asinado a finais de 2023.

Coa publicación onte, día 26 de xaneiro, da orde de confección de nóminas para o ano 2026, tamén damos por bos os cálculos para a aplicación da parte fixa da suba para este exercicio.

 

1. Que dicía o Acordo (e que tiña que pasar en 2024 e 2025)

O Acordo recollía con claridade dous tipos de melloras:

Incrementos porcentuais (10% anual, apartados 4.1 e 6 do Acordo)

●  Sexenios (compoñente do complemento específico por formación permanente): 10%

en 2024 e 10% en 2025

●  Titoría e outras funcións docentes (compoñente do complemento específico por

función tutorial): 10% en 2024 e 10% en 2025

Incrementos en contía fixa (20 € mensuais por anualidade, puntos 5.1 e 5.2 do Acordo)

● Para órganos unipersoais de goberno e outros cargos análogos, responsables

de centros de menos de 3 unidades en EI e EP e función inspectora, cunha suba de 20 € mensuais en cada un dos exercicios 2024, 2025 e 2026

 

2. Onde estivo o problema en 2025

No exercicio 2025 produciuse un pago indebido en sexenios e titoría: en lugar de aplicar o 10% sobre as contías xa incrementadas de 2024, aplicouse o 10% tomando como referencia as contías de finais de 2023. O impacto individual podía parecer pequeno, pero era e é diñeiro do profesorado e, ademais, consolida unha maior base para subas posteriores.

 

3. O traballo sindical rigoroso que fixo posible a corrección

Tras comprobar as nóminas e esgotar a vía administrativa, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP promovemos demanda contencioso-administrativa contra a Consellería o pasado 24 de outubro de 2025 para esixir a corrección das nóminas do profesorado galego.

En paralelo, mantivemos un traballo constante na comisión de seguimento do Acordo, prevista no propio texto, para garantir o seu cumprimento e interpretación.

Froito dese traballo serio e do consenso alcanzado coa Consellería nesta materia, a situación quedou finalmente resolta.

 

4. Que se cobrou e que queda confirmado

A mediados deste mes de xaneiro de 2026, o profesorado recibiu:

●  Atrasos correspondentes á suba do 2,5% en 2025 polo novo acordo marco asinado a nivel estatal

●  Regularización correcta do cálculo de sexenios e titoría, conforme ao Acordo.

Ademais, coa publicación no DOG da Orde do 23 de xaneiro de 2026 sobre instrucións de confección de nóminas para 2026, queda recollida expresamente tamén a parte fixa da suba para o 2026 que é dun 1,5%, pendente da evolución do IPC para sumar un 0,5% adicional.

 

5. Unha cuestión importante: rigor e responsabilidade

Nestes días asistimos a un intento, unha vez máis, de apropiación do traballo realizado por CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP para resolver esta situación. Fíxose mediante un anuncio precipitado por parte dunha organización sindical, mesmo antes de que se publicase a Orde de confección de nóminas para 2026 e, polo tanto, sen base suficiente para confirmar que o asunto quedaba efectivamente corrixido.

O profesorado non merece anuncios interesados, senón información verificada, datos contrastados, cifras comprobadas e un traballo preciso desenvolvido tanto na vía xudicial como nos espazos de negociación e seguimento xa existentes. En particular, na comisión de seguimento do Acordo, á que se incorporou CSIF hai poucas semanas, tal e como pode facer calquera outra organización sindical.

 

Pola nosa parte, seguiremos traballando polo desenvolvemento continuo do Acordo e polo seu cumprimento. Esperamos poder informar de novidades nas vindeiras semanas.

⚠️ Mentres nós contrastabamos datos e pechabamos a solución, outra organización tentou aproveitarse do traballo alleo con anuncios precipitados e interesados.

Resultados reais, obtidos con rigor e sendo útiles para o profesorado galego!

comunicado-conxunto_-sobre_-regularizacion_-de_nom