WEB - ANPE Galicia renova a súa dirección e elixe a Julio Trashorras de la Fuente como novo presidente
.jpg)
O Consello Sindical Autonómico destaca a unidade do sindicato e fixa como prioridades a mellora das condicións laborais do profesorado e a defensa da educación pública.
ANPE Galicia celebrou este sábado, 17 de xaneiro, o seu Consello Sindical Autonómico, no que se procedeu á renovación dos órganos de dirección da organización. Delegados e delegadas de toda a Comunidade Autónoma elixiron a Julio Trashorras de la Fuente como novo presidente do sindicato en Galicia para o próximos catro anos.
Durante o Consello Electoral Autonómico designouse tamén ao novo Secretariado Permanente Autonómico, un equipo que combina experiencia e renovación xeracional e que terá como obxectivo reforzar o papel de ANPE como sindicato de referencia do ensino público e do profesorado galego.
ANPE afronta esta nova etapa cun proxecto sindical baseado na responsabilidade, o compromiso social e a defensa dunha organización moderna, aberta, participativa e transparente, sustentada na independencia e a profesionalidade que caracterizaron a súa traxectoria durante case cinco décadas en defensa da educación pública e das condicións laborais do profesorado.
O Consello Sindical Autonómico quixo destacar e agradecer de maneira expresa o labor desenvolvido polo presidente saínte, Xulio Díaz Escolante, e por todo o seu equipo, subliñando a súa dedicación e compromiso na defensa dos dereitos do profesorado galego e a súa contribución ao fortalecemento e consolidación de ANPE Galicia como unha organización sólida e referente no ámbito educativo.
No transcurso da reunión, o Consello acordou solicitar de forma inmediata unha reunión co Conselleiro de Educación para trasladar as principais reivindicacións do profesorado galego, entre as que figuran:
• A recuperación do horario lectivo de 18 horas en Secundaria e 21 horas en Primaria, no marco do Acordo de Melloras.
• A aceleración das negociacións para a redución de ratios.
• O reforzo da Atención á Diversidade en Galicia.
• O avance cara á integración dos distintos corpos docentes nun único grupo retributivo A1.
• A regulación das materias afíns.
• A recuperación da cobranza dos meses de verán para o profesorado substituto cun mínimo de cinco meses e medio de servizos prestados, medida recollida no Acordo de Interinos asinado por ANPE e vixente desde 2012, cuxo incumprimento denuncia o sindicato.
• A ampliación dos supostos de compatibilidade para o exercicio doutras actividades por parte do profesorado funcionario.
Desde ANPE Galicia afróntase esta nova etapa con ilusión, forza e unidade.A organización traballará de xeito conxunto co profesorado galego para superar a difícil situación que atravesa a educación pública, mantendo unha loita constante pola dignificación do labor docente e utilizando, desde a independencia e a profesionalidade, todas as medidas reivindicativas necesarias no desempeño da súa acción sindical.
Secretaría de Comunicación ANPE Galicia
Santiago, 17 de xaneiro de 2026