• Noticia nova

ANPE esixe un plan de recuperación salarial para o profesorado


19 Out, 2025

WEB - ANPE sindicato independiente do ensino público esixe un plan de recuperación salarial para o profesorado ante o aumento continuo da inflacción

O INE revisou á alza a inflación de setembro de 2025 e situouna no 3 % interanual, o dato máis alto desde febreiro. España séguese situando entre os países da UE con maior alza de prezos. Cunha inflación do 3 % ―causada sobre todo polo incremento en electricidade, carburantes e alimentos non elaborados, é dicir, produtos de consumo cotián ―, os salarios conxelados e sen Orzamentos Xerais do Estado á vista, os docentes continuamos perdendo poder adquisitivo.

Desde 2010, a diminución dos salarios reais do profesorado foi constante. Só no últimos cinco anos, a perda foi de ao redor de 10 puntos, pois o pacto salarial asinado por outras organizacións sindicais co Goberno para os anos 2022-2024 nin sequera compensou o efecto do incremento dos prezos. Mentres tanto, outros colectivos experimentaron subidas máis acordes coa inflación.

O profesorado non pide privilexios, pide xustiza. Se o Goberno recoñece a inflación para actualizar pensións ou incrementar o SMI, debe facelo tamén para quen sostén a educación pública.

Non podemos seguir perdendo poder adquisitivo ano tras ano. A situación vese agravada polo feito de que o Goberno se nega a deflactar o IRPF. É dicir, non axusta as táboas do imposto sobre a renda conforme ao IPC acumulado. Isto prexudica ás clases medias, entre as que se atopa o profesorado.

As políticas salariais do Goberno deben blindar as retribucións fronte á inflación, evitando os erros do anterior pacto salarial e garantindo a estabilidade e a capacidade de consumo do profesorado.

Desde ANPE, esiximos que se aplique un plan plurianual de recuperación salarial para o persoal público, cun primeiro incremento superior ao 5 % e unha cláusula de revalorización automática ligada ao IPC e garantida por lei, así como se deflacte o IRPF para evitar aumentar a carga impositiva soportada polas clases medias.

En definitiva, mentres os prezos non deixan de crecer, os docentes levamos quince anos perdendo poder adquisitivo. Somos a clase media que ensina e que sostén a educación pública e, con todo, cada ano vivimos peor.

ANPE esixe respecto: salarios dignos, actualización fiscal e recuperación real do poder adquisitivo.

En termos concretos: 1) Subida salarial inmediata superior ao 5 %.

  2) Plan plurianual de recuperación salarial.

  3) Revalorización automática ligada ao IPC.

  4) Deflactación do IRPF.

 

 

 

ANPE, Sindicato Independiente do Ensino Público