• Noticia nova

ANPE Galicia inicia accións administrativas ante a deriva opaca da Consellería de Educación


29 Xul, 2025

WEB - ANPE GALICIA inicia accións administrativas ante a deriva opaca da Consellería de Educación

O sindicato ANPE Galicia presentou un escrito formal iniciando a vía administrativa contra a decisión unilateral da Consellería de Educación de restrinxir o acceso público á información dos procesos selectivos docentes convocados pola orde do 14 de febreiro de 2025. LIGAZÓN AO ESCRITO

Esta medida, imposta sen aviso nin base legal algunha, vulnera dereitos fundamentais recoñecidos na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, no Estatuto Básico do Empregado Público (Real Decreto Lexislativo 5/2015) e no artigo 105.b) da Constitución Española, que garanten a transparencia administrativa e o acceso á información pública, especialmente cando se trata do acceso ao emprego público.

A decisión da Consellería de limitar as consultas públicas e impedir o acceso a listas, cualificacións, criterios e instrucións dos tribunais supón unha clara violación dos principios de igualdade, mérito e capacidade, ademais de obstaculizar a función fiscalizadora e de representación que corresponde legalmente ás organizacións sindicais.

Desde ANPE esiximos a inmediata rectificación desta medida opaca e a restitución da publicidade dos procesos selectivos como condición indispensable para garantir a legalidade, a obxectividade e a confianza da cidadanía no sistema de acceso á función pública.

A nosa organización non permitirá que se consoliden prácticas arbitrarias que minen a transparencia nin que se impida o labor sindical recoñecido constitucionalmente.

ANPE Galicia defenderá ata as últimas consecuencias o dereito á información, a legalidade dos procesos e a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino público.

Sen transparencia non hai xustiza. Sen publicidade, non hai garantías.

 

 

Secretaría de Comunicación de ANPE Galicia

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025.