• Noticia nova

NP - Plan para simplificación das tarefas burocráticas nos centros docentes


10 Xul, 2025

NP Plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros docentes

O profesorado agarda medidas reais contra a burocracia: CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP valoramos o labor desenvolvido conxuntamente pola Consellería, os grupos de traballo e as propias organizacións sindicais asinantes do “Acordo sobre medidas de mellora”, pero criticamos o atraso dun ano na presentación do plan.

As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP participamos hoxe nunha reunión convocada pola Consellería de Educación para abordar o borrador do plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros docentes. Este plan forma parte do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica  2/2006, de 3 de maio, de educaciónasinado polo Presidente Rueda e subscrito polas nosas organizacións no ano 2023.

Desde os sindicatos asinantes queremos destacar que:

  • Valoramos positivamente que, tras diversas reunións de traballo ao longo do presente curso, a Consellería presente finalmente un documento estruturado, que recolle un conxunto amplo de accións para simplificar procedementos, impulsar a dixitalización e revisar o marco normativo aplicable aos centros.
     
  • Con todo, lamentamos que a presentación deste borrador se produza cun ano de atraso respecto ao previsto, tendo en conta que a simplificación burocrática é unha das principais demandas do profesorado galego e un compromiso asumido pola Administración dende xaneiro de 2024. Esta tardanza dificulta a percepción real da gran cantidade de traballo realizada no último ano tanto a nivel interno na Consellería, como coas aportacións das organizacións sindicais asinantes do Acordo.
  • Este plan senta as bases para un proxecto integral e ambicioso que pretende modernizar a xestión documental dos centros e do traballo do profesorado.Constitúe un punto de partida valioso, mais precisa dun traballo sindical en profundidade para garantir que as medidas propostas teñan un impacto real na carga administrativa que soporta o profesorado.

As organizacións sindicais asinantes comprometémonos a estudar en detalle o borrador do plan e a formular novas achegas nas vindeiras datas. A previsión é manter unha nova reunión de traballo coa Consellería o antes posible para continuar avanzando no deseño e implementación efectiva destas medidas.

O noso obxectivo común é que o profesorado recupere tempo e enerxías para dedicarse ao esencial: a docencia e a atención educativa ao alumnado.