Avecíñanse novos recortes de profesorado especialista en atención a diversidade?
Onde están os fondos europeos comprometidos para reforzar a atención á diversidade?
A Consellería impón máis trabas burocráticas e condiciona a cobertura de necesidades "excepcionais" de profesorado especialista á ‘optimización interna’ dos centros. Unha medida que parece máis orientada a xestionar carencias que a garantir unha atención á diversidade de calidade.
Segundo esta instrución, antes de solicitar reforzos de persoal, os centros están obrigados a demostrar que xa “optimizaron” ao máximo os recursos dispoñibles. Só tras esa xustificación, poderán presentar a solicitude, que será avaliada por unha comisión e mesmo por unha subcomisión, sen garantías de que a cobertura sexa concedida, por moi urxente ou xustificada que sexa a necesidade.
Trátase, en definitiva, dun novo atranco que condiciona a atención ao alumnado con necesidades específicas á reorganización interna dos centros, trasladando a responsabilidade da falta de recursos á comunidade educativa.
Desde ANPE esiximos que a Consellería garanta os recursos humanos necesarios sen engadir máis carga burocrática e sen aplicar criterios restritivos que prexudican ao alumnado máis vulnerable.
Desde ANPE esiximos transparencia, estabilidade dos recursos humanos e o cumprimento efectivo das obrigas da administración en materia de inclusión educativa.