• Noticia nova

Educar en liberdade, sen censura nin politización nos centros


06 Xun, 2025

WEBEDUCAR EN LIBERDADE, sen censura nin politización nos centros educativos

 Desde ANPE Galicia, sindicato independente do ensino público, manifestamos a nosa preocupación pola recente instrución da Consellería de Educación, que persegue a «neutralidade ideolóxica» nos centros educativos xerando inquietude entre a comunidade educativa ante un posible veto a determinadas actividades, amparado en calquera escusa de “neutralidade”, que pode converterse nun control encuberto do pensamento crítico.

1. Centros educativos, espazos de diálogo e pensamento libre
Os centros deben ser lugares onde alumnado e profesorado poidan exercitar a capacidade de reflexión, escoita activa e espírito crítico. Non poden ser convertidos en campos de batalla ideolóxicos nin en áreas de propaganda.

2. A delgada liña entre liberdade educativa e politización
Existe unha fronteira moi fina entre fomentar o espírito crítico e caer nunha politización premeditada. Respetar o debate e promover actividades que abran horizontes non é politizar; é educar.

3. NON ao veto ideolóxico disfrazado de neutralidade
Comprendemos que a Xunta quere evitar conflitos nos centros, pero advertimos que calquera instrución que restrinxa actividades culturais, debates, proxectos sociais… baixo o pretexto dunha suposta neutralidade pode prexudicar gravemente o dereito á liberdade de conciencia e á libre expresión educativa.

4. Chamamento ao diálogo e ao respecto da comunidade educativa
Instamos á Consellería a abrir unha mesa de diálogo aberta e transparente, na que participen todas as partes interesadas – sindicatos, claustros, consellos escolares, direccións…– para acordar criterios claros que protexan o espírito crítico sen caer en imposicións. A comunidade educativa non merece ser tratada como suxeito pasivo ou manipulable.

5. ANPE vixiante e comprometida coa defensa dos dereitos docentes
Como sindicato independente, ANPE seguirá atentamente calquera tentativa de recortar dereitos dos docentes ou do alumnado. Defenderemos a educación pública galega, plural e crítica, e non toleraremos que se impidan actividades que fomentan o pensamento reflexivo e a participación cidadá.

Para ANPE, a educación non é neutra: é un espazo de formación integral, de intercambios pacíficos de ideas, de liberdade de conciencia. Debemos garantir que os centros sexan refuxios de concordia e non espazos de polarización nin de enfrontamentos políticos e ideolóxicos.