Denuncia ante a valedora do pobo a inadecuada aplicación do Acordo de Melloras


22 Out, 2024

WEB - ANPE como asinante do Acordo de Melloras Educativas xunto con CCOO e UXT denuncia ante a Valedora do Pobo a inadecuada aplicación do mesmo.

No día de hoxe, as tres organizacións asinantes do "Acordo de medidas de mellora" (CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP) presentamos unha denuncia ante a Valedora do Pobo pola inadecuada aplicación que a Xunta de Galicia está facendo deste acordo malia o contido do texto publicado no DOG e asinado polo Presidente Rueda.

A Valedora do Pobo representa un mecanismo de control do cumprimento dos dereitos da cidadanía galega e de supervisión dos defectos máis comúns da administración autonómica. Por este motivo, presentamos a documentación que acredita, unha por unha, as incidencias que recollimos no mes de setembro poñéndonos en contacto con todos os centros educativos de Galicia que contan coas etapas de Educación Infantil e/ou Primaria.

A sinatura deste acordo tivo efectos moi positivos, tal e como defendimos no momento da súa sinatura:

  • Evitouse o peche de ata 204 aulas, o que supón case 300 postos de traballo que non foron suprimidos.
  • O número de docentes en activo incrementouse significativamente con respecto ao último curso. En concreto, a comezos de setembro había 556 docentes máis no curso 2024/25 fronte ao anterior. Actualmente este número sería aínda maior, grazas ao traballo na Comisión de seguimento do Acordo.
  • Todo isto nun contexto de crise demográfica, cunha redución de case 3000 alumnos no ensino público, no que se conseguiu que un 82 % dos centros visen aplicado integramente o Acordo.

Con todo, tal como vimos reclamando nesa Comisión de seguimento do Acordo e en distintas conferencias de prensa (1 e 2), quedan aínda centros nos que a súa aplicación non está sendo correcta nalgún punto, especialmente nas ratios recollidas no Acordo de agrupamentos asinado no ano 2009, unicamente por CCOO, ANPE, UGT e STEG.

Ante a inmobilidade por parte da Consellería nos seus criterios de aplicación do Acordo, decidimos acudir, en primeira instancia, á Valedora do Pobo para buscar un desbloqueo desta situación. Hoxe presentamos máis de 200 incidencias (varios centros educativos presentan máis dunha), o que segundo os nosos cálculos suporía un incremento de case 400 docentes máis nas aulas galegas.

>> O seguinte paso será acudir á vía xudicial, co fin de que se aplique de forma inmediata e íntegra o asinado.

Para máis información: Julio Díaz, presidente de ANPE Galicia: 615226371