• Noticia destacada

ANPE reclama a integración de todos os corpos docentes no grupo A1


19 Feb, 2024

WEB - ANPE solicita que se negocie a normativa sobre o desenvolvemento da profesión docente partindo de dúas medidas previas.

O sindicato profesional e independente de docentes ANPE, primeiro sindicato entre o profesorado do ensino público, reclama a integración da totalidade dos corpos docentes no grupo funcionarial A1, así como a actualización dos complementos de nivel retributivo de todos eles.

O presidente da organización sindical, Francisco Venzalá, dirixiuse mediante unha carta á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, para lembrarlle a importancia de avanzar na regulación da formación inicial e permanente, o acceso e o desenvolvemento profesional docente, tal como se establece na Disposición Adicional Sétima da LOMLOE.

No que se refire especificamente ao último aspecto, relativo á carreira profesional docente, ANPE solicita ao Goberno que redacte, con carácter previo, unha proposta normativa que estableza a integración no grupo funcionarial A1 dos corpos docentes que actualmente continúan no grupo A2. O sindicato lembra que xa se deron pasos, e séguense dando, para que o profesorado con titulación universitaria pertencente a corpos docentes do grupo funcionarial A2  se integre no grupo A1, como se fixo co antigo corpo de Profesores Técnicos de FP ou como se está facendo agora mediante a Lei de Ensinanzas Artísticas co corpo de Mestres de Taller, pero subliña que falta por abordar a INTEGRACIÓN do corpo de MESTRES de infantil e primaria cuxo profesorado cumpre os requisitos esixidos aos colectivos xa integrados ou en vías de selo.

Así mesmo, ANPE considera que a norma que solicitou ao Goberno debe incluír tamén a actualización dos complementos de nivel retributivo. Neste momento os complementos que lles corresponden aos diferentes corpos docentes van do nivel 21 ao 26. A formulación do sindicato é que se incrementen e partan como mínimo do nivel 24. A organización sindical instou á ministra a que convoque de maneira urxente a mesa de negociación do profesorado non universitario para abordar estes aspectos que leva tempo reivindicando como é a regulación da normativa sobre o desenvolvemento da profesión docente, recollida na Disposición Adicional Sétima da LOMLOE, partindo da base da integración de todos os corpos no grupo A1 e da actualización dos complementos de nivel.

ANPE, Sindicato Independiente do Ensino Público