Convocatoria das probas para certificacións CELGA


04 Set, 2023

DOG RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se realiza a segunda convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2, 3 e 4, no ano 2023 (código de procedemento PL500C).

>> As probas dos distintos niveis Celga terán lugar na segunda quincena de novembro e, de ser o caso, na primeira de decembro de 2023 en Santiago de Compostela e en Ponferrada.

>> O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

>> As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, e aboar a taxa correspondente. No formulario de solicitude deberán indicar a proba ou as probas a que solicitan presentarse, así como a localidade, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación: 

a) Xustificante de pagamento da taxa (código 304401), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.

b) Copia do certificado de discapacidade expedido por unha Administración distinta da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se é o caso.