No día internacional da muller, ANPE quere por en valor a educación para acadar un mundo dixital inclusivo, no que a innovación e a tecnoloxía axuden ás mulleres e ás nenas a diminuír a fenda dixital e acadar a igualdade de xénero.
ANPE súmase ao lema do Día Internacional da Muller en 2023, “Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”, tema prioritario para a Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller, de Nacións Unidas. Desde ANPE queremos destacar o traballo diario que o colectivo docente realiza nas aula, entre o conxunto do alumnado, para acadar a igualdade e favorecer o empoderamento de nenas e xoves. Facilitando a estas a formación en habilidades dixitais e o acceso ás tecnoloxías, de xeito inclusivo, para paliar a actual fenda dixital de xénero e combater a violencia contra as mulleres a través das tecnoloxías da comunicación.
O profesorado desenvolve a súa labor desde a conciencia da necesidade de trasladar os valores de igualdade que actualmente estamos traballando na nosa contorna educativa, aos espazos dixitais. Os avances da tecnoloxía dixital ofrecen novas posibilidades, que aspiramos a potenciar desde o sistema educativo, para resolver os novos retos que depara a sociedade.
Para ANPE, é necesario instar ás nosas institucións para que coordinen e conciencien aos distintos sectores da comunidade educativa na necesidade de erradicar, en calquera das súas formas, a violencia de xénero en liña que lamentablemente se expande de xeito paralelo á progresiva e necesaria incorporación da muller ás plataformas dixitais. Segundo un recente estudo realizado en 51 países, o 38% das mulleres teñen sufrido algún tipo de violencia en liña.
ANPE, principal sindicato dos docentes do ensino público a nivel estatal, sector profesional con maioritaria presenza feminina, celebra este Día Internacional da Muller 2023 coa confianza máis absoluta en que o profesorado e as administracións educativas do noso país traballan sen descanso para garantir a igualdade de xénero e inclusión da muller en todos os ámbitos da sociedade.
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2023.