Dadas as expectativas xeradas en determinado persoal docente interino e substituto pola próxima convocatoria do concurso de méritos que deberá publicarse con anterioridade ao 31 de decembro de 2022, e tendo en conta o reducido número de prazas que se ofertarán no concurso-oposición derivado do artigo 2.1 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, non parece aconsellable obrigar o persoal docente interino e substituto a presentarse aos procedementos selectivos convocados no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións.
Por esta razón, engádese unha disposición transitoria cuarta ao Acordo do 20 de xuño de 1995 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais ANPE, CC.OO., CSI.F e FETE-UGT polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria cuarta
O persoal docente interino e substituto que presta servizos en calquera especialidade na Comunidade Autónoma de Galicia non estará obrigado a participar nos procedementos selectivos para ingreso nalgún corpo da función pública docente que se convoque no ano 2022 para os únicos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións».