FP - Instrucións para o desenvolvemento dos cursos de especialización


08 Xun, 2022

DOG RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2022, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos cursos de especialización de formación profesional no ano académico 2022/23 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os cursos de especialización durante o curso académico 2022/23 realizaranse polo réxime ordinario, na modalidade presencial ou na modalidade dual, aínda que parcialmente poderá realizarse utilizando instrumentos e ferramentas de formación a distancia.

Coa finalidade de facilitar a formación de persoas traballadoras ou con cargas familiares, os cursos de especialización impartiranse en horario de tarde e de noite.

 A duración anual en horas e a distribución horaria semanal dos módulos profesionais dos cursos de especialización con oferta na Comunidade Autónoma de Galicia estarán dispoñibles no portal www.edu.xunta.gal/fp, na epígrafe «Currículos», «Cursos de especialización».

O alumnado formalizará a matrícula do curso de especialización, o que lle dá dereito a unha única convocatoria por curso académico para cada un dos módulos profesionais dos cales se matricule, que se esgota cando se realice a avaliación final de módulos do curso.

Profesorado:

Un plan de formación continuo e específico, en colaboración con empresas, institucións, institutos de investigación, etc., fundamentalmente do contorno galego. De ser preciso, as actividades deste plan de formación poderán desenvolverse en período e en horario lectivo.

Prioridade para o acceso as actividades de formación relacionadas cos cursos de especialización.

Unha bolsa de horas, entre as que teñen carácter lectivo, suficientemente ampla, que lle permita ao profesorado organizar e desenvolver a formación, co fin de acadar a excelencia na cualificación e a competencia do alumnado.

A asignación de profesorado a cada un dos módulos do curso de especialización realizarase con carácter prioritario ao profesorado formado especificamente pola Administración educativa para tal fin ou que acredite dispor de titulación, experiencia profesional ou formación adecuadas.