Dita reunión tivo lugar logo de que fose solicitada polo responsable de ANPE Galicia tras a súa reelección no cargo á fronte da organización sindical. Na mesma deuse traslado das principais reivindicacións de ANPE no ámbito do ensino público non universitario. Acompañaron ao presidente autonómico o vicepresidente autonómico, Julio C. Trashorras de la Fuente e a secretaria de comunicación, Rebeca Losada González.
Deste xeito, desde ANPE Galicia trasladamos ao máximo responsable educativo da Xunta de Galicia as seguintes reivindicacións encamiñadas a recuperar os dereitos laborais e sociais arrebatados ao profesorado galego. Cuestións que para nós son fundamentais para mellorar a calidade do sistema educativo e para paliar as deficiencias producidas nos últimos anos por mor da crise sanitaria:
- Redución das rateos alumnado/profesorado en todas as etapas educativas.
- Redución do horario lectivo do profesorado para volver ao horario lectivo de 21 horas no corpo de mestres e de 18 horas lectivas nos restantes corpos.
- Redución da excesiva carga burocrática nos centros educativos.
- Rectificación no que respecta aos días lectivos do vindeiro curso escolar para fixar 175 días.
- Establecemento dun protocolo e plans de saúde mental e laboral tanto do alumnado como do profesorado (e máis agora na etapa post-covid).
- Restablecemento do pago dos meses de verán para o profesorado interino que traballe máis de 5 meses e medio ao longo do curso académico, tal e como se recolle no Acordo de Interinos, así como o mantemento de dito acordo asinado por ANPE e outras Organizacións Sindicais.
- Necesidade de afrontar a integración do profesorado do extinto corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional no corpo de PES tal e como establece a normativa estatal actualmente vixente.
- Necesidade de que o Goberno Autonómico faga presión ante ao Goberno central do Estado para acadar que todo o profesorado se encadre nun único grupo funcionarial A1 para, deste xeito, homoxeneizar os dereitos retributivos e administrativos de todo o colectivo docente, e insista no mantemento da xubilación anticipada dos docentes.
- Establecemento dunha normativa autonómica que permita a compatibilidade entre o desempeño da función docente e outras actividades remuneradas.
- Necesidade de implantar a figura da Enfermería Escolar en todos os centros educativos galegos.
Ademais de dar traslado das nosas principais peticións tamén tivemos ocasión de compartir a nosa preocupación por cuestións que están á orde do día, como son os procesos de estabilización establecidos na Lei de Medidas Urxentes para a redución da temporalidade no emprego público ou a aplicación e desenvolvemento da nova Lei de Formación Profesional para que, desde xeito, a nosa Comunidade poida convocar os procesos selectivos das prazas das especialidades de Formación Profesional que quedan pendentes da última Oferta de Emprego Público á espera de dito desenvolvemento normativo.
Desde ANPE Galicia agardamos que as peticións e reivindicacións trasladadas á Administración nesta xuntanza non caían en saco roto e poidan materializarse de xeito inmediato en aras de acadar unha efectiva mellora da calidade do sistema educativo público galego e dos seus docentes, tarefa pola que desde a nosa organización seguiremos loitando día a día. Non é de recibo que despois de dous cursos académicos complicados, nos que o profesorado fixo un grande esforzo para paliar a situación provocada pola crise sanitaria, o único que se leve por parte dos responsables do Goberno Autonómico é unha felicitación e, como premio, “un día lectivo máis no vindeiro calendario escolar”.
É hora de recuperar todos os dereitos sociais, económicos e laborais perdidos durante moitos anos!!!