Actualmente, o artigo único da Orde do 29 de maio de 2013 determina o período de vixencia dos libros de texto en 6 anos. Non obstante, a consideración de que o aconsellable é vincular calquera cambio nos libros de texto que esgotaron o período de vixencia de 6 anos ao proceso de implantación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, e á conseguinte adaptación dos currículos, constitúe unha circunstancia excepcional que xustifica a ampliación do período de vixencia dos libros de 4º e 6º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2022/23.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) dispoñible na aplicación fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo para presentar solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 22 de xuño de 2022 (este incluído).