ANPE demanda profesorado de reforzo para o alumnado ucraíno


04 Abr, 2022

WEBANPE demanda PROFESORADO DE REFORZO PARA A ATENCIÓN DO ALUMNADO UCRAÍNO que se incorpore ás nosas aulas.

Tras a publicación, o pasado venres, do Plan de Escolarización e Acollida do alumnado desprazado polo conflito de Ucraína no sistema educativo galego e da Resolución do 15 de marzo de 2022 e das Instrucións do 25 de marzo de 2022, para facilitar os recursos materiais no ámbito educativo ao alumnado desprazado polo conflito, desde ANPE Galicia queremos trasladar á Administración Educativa galega que dito Plan de Estabilización debe vir acompañado dunha dotación extraordinaria de profesorado de reforzo para garantir o éxito do mesmo e para que non supoña unha carga adicional de traballo para un, xa de por si, sobrecargado profesorado galego.

Non abonda soamente coa dotación de recursos materiais. O Plan de Escolarización debe contemplar a chegada aos centros educativos de profesorado de reforzo tanto nacional como da propia Ucraína para vencer e afrontar con éxito as dificultades que a chegada deste novo alumnado supón nas aulas galegas. Compre afrontar a situación emocional deste alumnado e reforzar, polo tanto, a dotación de profesorado especialista en Orientación nos centros educativos. Débese, así mesmo, contemplar a posibilidade da creación de aulas específicas temporais para facilitar a integración do alumnado; aulas dotadas de profesorado do seu propio país de orixe ademais de profesorado galego. Deste xeito pódese axilizar a súa integración ao mesmo tempo que se poden vencer as dificultades idiomáticas propias.

Todo isto debe vir acompañado de medidas que supoñan un alivio da presión existente xa nos centros educativos galegos por mor da situación excepcional que estamos a vivir debido á pandemia sanitaria. Ademais da dotación de profesorado de reforzo en todos os ámbitos é necesario abordar a redución horaria a redución das rateos nas aulas e outras medidas que sirvan para asegurar unha adecuada atención do novo alumnado.

O Plan de Escolarización non debe facerse a “custo cero” para a Administración Educativa en canto a recursos humanos se refire. O profesorado  galego está sobradamente preparado para afrontar calquera reto que se lle presente pero o sistema educativo non é “o burro que soporta sempre unha sardiña máis” e non pode asumir, no momento actual, máis carga de traballo sen a dotación tanto de recursos materiais como de recursos humanos que a situación require.

Desde ANPE Galicia instamos á Consellería de Educación a que teña en conta as nosas peticións e ás incorpore ao Plan de Escolarización publicado.