En pleno aumento de contaxios, no máis álxido da sexta onda da pandemia e a escasos días do retorno ás actividades lectivas presenciais nos centros educativos galegos tras o o parón das vacacións de Nadal, ANPE Galicia demanda por escrito ás Consellerías de Educación e de Sanidade a adopción dunha serie de medidas para garantir unha volta ao cole segura para toda a comunidade educativa e unha postura firme para trasladar mañá á reunión do Ministerio de Sanidade cos responsables sanitarios e educativos das Comunidades Autónomas.
En relación á organización dos centros educativos e da actividade lectiva para ANPE Galicia é necesario realizar unha adaptación dos protocolos á situación actual derivada da sexta onda da pandemia e a adopción de medidas de reforzo como son a redución de rateos, autorización de desdobres nas aulas, dotación de material de protección axeitado e reforzo de profesorado como medidas máis axeitadas de afrontar a difícil situación actual e tal e como se demostrou en cursos anteriores onde estas medidas demostraron ser, sen ningunha dúbida, as máis eficaces para garantir a seguridade e a saúde de profesorado, alumnado e de toda a comunidade educativa en xeral.
Por outra banda, para ANPE Galicia é fundamental, así mesmo, reforzar e acelerar todo o relativo á campaña de vacinación dos membros da comunidade educativa como maneira de garantir ou alcanzar o antes posible a inmunidade xeral. É vital a aplicación da terceira dose de reforzo a TODO O PROFESORADO, con independencia da natureza das dúas doses aplicadas xa. Con respecto ao alumnado debe impulsarse a vacinación das franxas de idade de 5 a 8 anos que, pese a estar aprobada a vacina, non recibiron aínda a primeira dose de vacinación.
Agardamos que as administración educativa e sanitaria galegas teñan en conta as peticións efectuadas desde ANPE Galicia e dean traslado das mesmas na reunión sectorial que terá lugar no día de mañá, martes 4 de xaneiro de 2022.