ANPE solicita unha Mesa Sectorial urxente para tratar a titulación na ESO e BACH


26 Nov, 2021

WEBANPE mantén o seu absoluto rexeitamento co feito de que se poida obter un título como é o de ESO ou Bacharelato, con algunha materia suspensa, nin sequera nos supostos excepcionais que inclúe a norma.

Esta medida envía unha mensaxe contraria á cultura do esforzo, do rigor, e do mérito na que a ausencia de incentivos para acadar a excelencia académica resulta desmotivadora para o profesorado e o alumnado.

Desde ANPE queremos destacar que a solución para loitar contra o fracaso e o abandono escolar non pasa por facilitar a promoción automática senón por reducir o número de alumnos por aula, establecer desdobres e programas de reforzo nos centros educativos, dotando de profesorado dabondo para levalo a cabo.

Recibimos de xeito satisfactorio que as decisións de promoción se unifiquen para todos os centros educativos pero gustaríanos que se puidese debater se simplemente unha “media” dun cinco é suficiente para promocionar sen ver o peso das diferentes materias, o número delas ou sen superar ou a disparidade das mesmas.

ANPE considera que a Administración galega debe convocarnos “con urxencia”, como lexítimos representantes do profesorado a unha Mesa Sectorial onde se debata con rigorosidade a aplicación da norma e afrontar a modificación do calendario escolar xa que non é de recibo que, despois de case dous cursos inmersos nunha pandemia, nos permitamos o luxo de que os nosos alumnos e alumnas prescindan de dúas ou tres semanas que inicialmente se enfocaban á preparación das desaparecidas recuperacións.

Desde ANPE queremos alertar das graves consecuencias que estas medidas terán sobre o alumnado con menos recursos, que na súa práctica totalidade, está no ensino público, xa que non poderán compensar fora do centro educativo os déficits de aprendizaxe que irán acumulando ao pasar de cursos e titular con materias suspensa cortando, deste xeito, as posibilidades que ofrece a este alumnado o sistema educativo como compensador de desigualdades e ascensor social.