FP - Instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos


30 Xun, 2021

DOG - RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento dos ciclos formativos de formación profesional do sistema educativo no curso 2021/22.

O Decreto 114/2010, do 1 de xullo, establece a ordenación xeral da formación profesional do Sistema educativo de Galicia e regula, entre outros aspectos, a organización dos ciclos formativos, o desenvolvemento dos currículos, a oferta, a admisión, a matrícula e a avaliación nos ciclos formativos, as validacións e exencións dos módulos profesionais, e a obtención dos títulos de formación profesional.

O Decreto 107/2014, do 4 de setembro, regula aspectos específicos da formación profesional básica das ensinanzas de formación profesional do Sistema educativo en Galicia e establece vinte e un currículos de títulos profesionais básicos.

A Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020 (EDUlingüe) ten como finalidade impulsar a aprendizaxe de idiomas estranxeiros e recolle a súa extensión á formación profesional.

A Orde do 12 de xullo de 2011 que regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditación académica do alumnado das ensinanzas de formación profesional inicial, e a Orde do 13 de xullo de 2015 que regula as ensinanzas de formación profesional básica na Comunidade Autónoma de Galicia, así como o acceso e a admisión a estas ensinanzas.