OPOSICIÓNS - medidas de prevención específicas pola Covid-19


04 Mar, 2021

DOG ORDE do 4 de marzo de 2021 pola que se modifican a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Catro. Engádese un punto 3.23 no anexo I da Orde do 25 de febreiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redación:

«3.22. Realización de procesos selectivos polas administracións públicas e entidades do sector publico.

A realización de procesos selectivos poderá desenvolverse, sempre que os asistentes permanezan sentados e que a capacidade se calcule, dentro da capacidade permitida, de forma que se garde sempre a distancia mínima de seguridade de 1,5 m en todas as direccións, cun límite máximo de duascentas cincuenta persoas aspirantes.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polos asentos e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente. Organizaranse as entradas e saídas para evitar aglomeracións de persoas, tanto nos accesos como nas inmediacións, e distribuiranse proporcionalmente as persoas entre as portas dispoñibles.

Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal no resto das instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física.

O uso da máscara será obrigatorio en todo momento, mesmo no caso de que se manteña a distancia de seguridade interpersoal nos termos previstos nas medidas hixiénico-sanitarias.

Deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por un prazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e obrigatoriamente ao finalizar cada actividade. No caso da utilización de sistemas de ventilación mecánica, deberá aumentarse a subministración de aire fresco e non se poderá empregar a función de recirculación do aire interior.

Deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

Deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

No caso de realización de procesos selectivos de máis de 250 aspirantes, ou se as probas non se realizan coas persoas sentadas en todo momento, solicitarase autorización á Dirección Xeral de Saúde Pública en que se comuniquen o evento, as datas, as actividades que se van realizar e as medidas concretas organizativas e de seguridade propostas para os riscos de contaxio.