ANPE demanda instrucións claras e veraces no Plan de vacinación do profesorado


23 Feb, 2021

WEBANPE GALICIA DEMANDA UNHAS INSTRUCIÓNS CLARAS E VERACES SOBRE O PLAN DE VACINACIÓN QUE COMEZA OFICIALMENTE MAÑÁ TRAS O CAOS DAS PROBAS DE ONTE E HOXE.

 Desde a nosa organización sindical demandamos unha reunión urxente e que a Consellería de Educación emita, ao longo do día de hoxe, unhas instrucións claras e detalladas sobre o plan de vacinación do profesorado que, segundo informan, comezará masivamente a partir de mañá. Debe evitarse por todos os medios o caos xerado no día de onte e de hoxe coas probas de inicio do devandito plan.

Acordada unha reunión para mañá mércores das OOSS coa administración para consensuar criterios racionais de vacinación do profesorado galego

ANPE Galicia considera que deben aclararse moitos aspectos e dúbidas xeradas como pode ser a vacinación de embarazadas, de profesorado especialmente vulnerable ou onde se vai vacinar o profesorado con destinos provisionais noutras áreas ou provincias por estar en comisón de servizos. Tamén amosamos a nosa preocupación por cuestións organizativas que deben terse en conta  ante posibles efectos secundarios do persoal vacinado que lles impida acudir ao centro de traballo nos días seguintes. Por outra banda, trasmitímoslle á Directora Xeral de Saúde que considerabamos que os liberados sindicais a tempo total  deberían ir ao final ao non estar en primeira liña nos centros educativos de referencia coma o resto de profesorado. 

 Información sobre o Plan de vacinación anunciado pola Directora Xeral de Saúde Pública:

- Educación enviou a Sanidade o listado de profesorado do ensino público.

- A vacinación iniciarase polo colectivo de docentes de 55 ou menos anos de idade.

- Así mesmo e a medida que se vaian recibindo vacinas de Pfizer ou Moderna iranse incorporando os maiores de 55 anos.

- A cita será mediante SMS ou incluso chamada (como xa comprobamos).

- O profesorado en IT non será citado incialmente e irase incorporando ao plan de vacinación cando estean de alta médica.

- As mulleres embarazadas deben consultar co seu médico de referencia para valorar o beneficio - risco de ser vacinada.

- A vacinación terá lugar no hospital de referencia segundo a localidade do centro de traballo do docente. Seguiu insistindo en que establecerá unha orde alfabética para as citacións.

- A vacina non é obrigatoria, pero debemos contribuir ao aumento da inmunidade.

- A segunda dose da vacina se inoculará despois de 10-12 semanas.