ANPE solicita reunión da Comisión de seguimento do Acordo de Interinos e Mesa Sectorial


25 Xan, 2021

WEB - ANPE solicita por escrito convocatoria da Comisión de Seguimento do Acordo de Interinos e Mesa Sectorial de Educación para tratar e negociar a situación das listaxes de interinidades e substitucións das especialidades do Corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional, e dos/as seus/súas integrantes, tras a entrada en vigor da LOMLOE.

 A falta de concreción e a incerteza ante o futuro desenvolvemento normativo da devandita integración, está a xerar importantes dubidas en moitos aspectos. Un deles é a situación na que quedarán os actuais integrantes das listas de interinidades e substitucións das diferentes especialidades do corpo a extinguir e máis tendo en conta a ampliación na Oferta de Emprego Público publicado no Diario Oficial de Galicia no día de hoxe e que vai supoñer a incorporación de novos aspirantes ás devanditas listas. 

Tendo en conta un recente informe asinado pola Secretaría Xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación o pasado 15 de xaneiro e que establece que: “En canto a funcionarios interinos, as bolsas deste persoal son competencia exclusiva de cada administración educativa, polo que non corresponde, nunha Lei orgánica, establecer criterios ou condicionantes á execución dunha competencia exclusiva das Comunidades Autónomas”, desde a nosa organización sindical entendemos que corresponde á administración educativa galega regularizar e aclarar que vai ocorrer coas actuais listas das especialidades do Corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional para, deste xeito, despexar dunha vez por todas as incógnitas e rematar coa situación de incerteza que afecta o colectivo. É por todo isto que ANPE Galicia solicitou por escrito á Consellería de Educación, a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Acordo de Interinos e da Mesa Sectorial de Educación para abordar esta situación e buscar solucións para o colectivo e para as vixentes listas; solucións que, en ningún caso, poderán supoñer menoscabo dos dereitos adquiridos polos actuais integrantes nin discriminación, en ningún sentido, dos futuros integrantes das mesmas.

xustificante-pr004a-20210125