As comisións de seguimento créanse no contexto da pandemia creada pola COVID-19 e extinguiranse unha vez que cese a situación de emerxencia sanitaria declara en Galicia por este motivo.
As comisións de seguimento valorarán os casos de absentismo que poidan estar vinculados á situación de pandemia causada pola COVID-19, entendendo por tales os derivados polas xefaturas territoriais con competencias en materia de educación a proposta dos centros educativos, logo de seren tramitados os correspondentes expedientes segundo o procedemento establecido no «Protocolo educativo para a prevención e control do absentismo escolar en Galicia» e logo do informe da inspección educativa.
As comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19 estarán compostas:
– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.
– Polo/a xefe da Inspección Educativa da provincia.
– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en sanidade, ou persoa en quen delegue.
– Por unha persoa designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en menores.
– Por unha persoa membro dos equipos de orientación específicos, designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación.
– Por unha persoa representante dos servizos sociais dos concellos da provincia, designada por proposta da Fegamp.