Comisións provinciais de seguimento ante posibles situacións de absentismo pola covid


20 Nov, 2020

DOG - ORDE do 13 de novembro de 2020 pola que se crean as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19.

As comisións de seguimento créanse no contexto da pandemia creada pola COVID-19 e extinguiranse unha vez que cese a situación de emerxencia sanitaria declara en Galicia por este motivo.

As comisións de seguimento valorarán os casos de absentismo que poidan estar vinculados á situación de pandemia causada pola COVID-19, entendendo por tales os derivados polas xefaturas territoriais con competencias en materia de educación a proposta dos centros educativos, logo de seren tramitados os correspondentes expedientes segundo o procedemento establecido no «Protocolo educativo para a prevención e control do absentismo escolar en Galicia» e logo do informe da inspección educativa.

As comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na COVID-19 estarán compostas:

– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación, ou persoa en quen delegue, que a presidirá.

– Polo/a xefe da Inspección Educativa da provincia.

– Pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en sanidade, ou persoa en quen delegue.

– Por unha persoa designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en menores.

– Por unha persoa membro dos equipos de orientación específicos, designada pola persoa titular da xefatura territorial con competencias en educación.

– Por unha persoa representante dos servizos sociais dos concellos da provincia, designada por proposta da Fegamp.