"A Consellería non pode converter a falta de recursos nun problema de xustificación burocrática dos centros."
A resolución de 2026 introduce novos criterios pedagóxicos, organizativos e profesionais para acceder ás dotacións excepcionais de PT e AL. Porén, non establece:
- Ratios máximas de alumnado por especialista.
- Tempos máximos de resposta ás solicitudes.
- Garantías de cobertura das necesidades detectadas polos departamentos de orientación.
Dende ANPE conseguimos que se coñezan os criterios a aplicar pero, agora reclamamos:
- Establecemento de ratios públicas e obxectivas para a asignación de especialistas.
- Concesión automática de recursos cando existan informes de orientación que acrediten determinadas necesidades educativas, sen someter os centros a procesos reiterados de xustificación.
- Redución da carga burocrática asociada ás solicitudes de dotación excepcional.
- Publicación transparente dos criterios de valoración e dos resultados das convocatorias, indicando solicitudes presentadas, concedidas e denegadas por provincia.
- Plan plurianual de reforzo da atención á diversidade, que permita responder ao aumento das necesidades educativas sen trasladar a responsabilidade aos centros.
A resolución de 2026 supón un desprazamento do foco desde a carencia de recursos cara á avaliación da organización dos centros. A atención á diversidade non pode depender de demostrar reiteradamente que os recursos son insuficientes; debe partir do dereito do alumnado a recibir os apoios especializados que precisa. Cando existen informes técnicos que acreditan necesidades educativas especiais, a prioridade da Administración debe ser dotar os recursos necesarios, non incrementar os requisitos para solicitalos.