• Noticia nova

Instrucións para a dotación con carácter excepcional de especialistas PT e AL


26 Xun, 2025

WEB Resolución do 23 de xuño de 2025, conxunta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a dotación con carácter excepcional de recursos de persoal docente nos centros docentes públicos.

Avecíñanse novos recortes de profesorado especialista en atención a diversidade? 

Onde están os fondos europeos comprometidos para reforzar a atención á diversidade?

A Consellería impón máis trabas burocráticas e condiciona a cobertura de necesidades "excepcionais" de profesorado especialista á ‘optimización interna’ dos centros. Unha medida que parece máis orientada a xestionar carencias que a garantir unha atención á diversidade de calidade.

Segundo esta instrución, antes de solicitar reforzos de persoal, os centros están obrigados a demostrar que xa “optimizaron” ao máximo os recursos dispoñibles. Só tras esa xustificación, poderán presentar a solicitude, que será avaliada por unha comisión e mesmo por unha subcomisión, sen garantías de que a cobertura sexa concedida, por moi urxente ou xustificada que sexa a necesidade.

Trátase, en definitiva, dun novo atranco que condiciona a atención ao alumnado con necesidades específicas á reorganización interna dos centros, trasladando a responsabilidade da falta de recursos á comunidade educativa.

Desde ANPE esiximos que a Consellería garanta os recursos humanos necesarios sen engadir máis carga burocrática e sen aplicar criterios restritivos que prexudican ao alumnado máis vulnerable. 

Desde ANPE esiximos transparencia, estabilidade dos recursos humanos e o cumprimento efectivo das obrigas da administración en materia de inclusión educativa.