• Noticia nova

ANPE mantén un encontro de traballo con ANPAS Galegas


24 Feb, 2026

WEBANPE mantén un encontro de traballo con ANPAS Galegas para analizar os retos actuais do ensino público

ANPE mantivo unha reunión de traballo con ANPAS Galegas co obxectivo de intercambiar análises e propostas sobre a situación actual do sistema educativo galego. O encontro desenvolveuse nun clima de diálogo construtivo e permitiu constatar coincidencias relevantes en cuestións que afectan tanto ao profesorado como ás familias.

Desde ANPE valoramos positivamente estes espazos de coordinación entre os distintos sectores da comunidade educativa, convencidos de que a mellora do ensino público require estabilidade, planificación e responsabilidade compartida.

➡️Atención á diversidade e recursos humanos

Un dos asuntos centrais foi a atención á diversidade, ámbito no que tanto ANPE como ANPAS Galegas coincidimos na necesidade de reforzar os recursos dispoñibles nos centros.

Analizouse:

  • A elevada concentración de alumnado con NEAE e NEE en determinados centros.
  • A necesidade de ampliar os equipos de orientación.
  • O reforzo de profesorado especialista (PT, AL) e doutros perfís complementarios.
  • A clarificación de funcións do persoal de apoio para garantir unha atención axeitada e profesionalizada.

Desde ANPE insistimos en que a atención á diversidade debe abordarse desde unha planificación estrutural e non mediante solucións puntuais, garantindo dotación suficiente e estabilidade nos cadros de persoal.

➡️Escola rural e equilibrio territorial

Outro dos bloques tratados foi a situación da escola rural nun contexto de descenso demográfico. Ambas organizacións compartimos a preocupación polo impacto que esta realidade está a ter na organización dos centros e na oferta educativa en determinadas zonas.

  • Defendemos a necesidade dun plan específico que permita:
  • Manter servizos educativos de calidade no rural.
  • Garantir transporte escolar axeitado nas etapas postobrigatorias.
  • Facilitar o acceso a actividades complementarias en igualdade de condicións.
  • A cohesión territorial debe ser un principio irrenunciable do sistema educativo galego.

➡️Servizos complementarios e equidade

Durante a reunión tamén se abordou a situación dos comedores escolares, a necesidade de garantir condicións de igualdade no acceso aos servizos complementarios e a importancia de avanzar cara a unha gratuidade real dos materiais escolares.

No ámbito da dixitalización, analizouse a implantación de programas como Edixgal, coincidindo na importancia de asegurar formación docente, mantemento dos equipamentos e acompañamento ás familias para que a tecnoloxía sexa unha ferramenta pedagóxica eficaz e non un elemento xerador de desigualdades.

➡️Infraestruturas e condicións nos centros

ANPE trasladou a súa preocupación polo estado de mantemento dalgúns centros educativos e pola necesidade dunha planificación plurianual en materia de infraestruturas, eficiencia enerxética e climatización. As condicións físicas dos centros inciden directamente na calidade do proceso educativo e no benestar do profesorado e do alumnado.

Así mesmo, puxemos enriba da mesa un problema estrutural que está a dificultar a adopción de solucións eficaces: a dispersión de competencias entre distintas administracións públicas. A distribución de responsabilidades en materia de conservación, mantemento e investimento —entre administración autonómica e entidades locais— está a provocar, en moitos casos, atrasos, falta de coordinación e ausencia de respostas áxiles ante deficiencias que requiren actuación inmediata.

Desde ANPE consideramos imprescindible clarificar responsabilidades, reforzar os mecanismos de coordinación institucional e garantir financiamento suficiente para evitar que as cuestións competenciais se convertan nun obstáculo permanente para a mellora das condicións dos centros educativos.

➡️Compromiso co diálogo e coa mellora do sistema

Desde ANPE reiteramos que a defensa do ensino público require rigor, negociación e propostas viables. O noso compromiso é seguir trasladando á Administración as demandas que melloren as condicións do profesorado e, por extensión, do conxunto da comunidade educativa.

A cooperación entre organizacións representativas do profesorado e das familias constitúe unha vía necesaria para fortalecer o sistema educativo galego desde a estabilidade, o consenso e a planificación a medio e longo prazo.