• Noticia nova

ANPE rexistra no Congreso propostas de mellora ao Proxecto de Lei para reducir ratios


12 Mai, 2026

WEB - ANPE rexistrou no Congreso propostas de mellora ao Proxecto de lei para reducir ratios e regular a xornada lectiva do profesorado

O Proxecto de lei destinado a reducir o número máximo de alumnos por aula e establecer unha regulación básica e homoxénea da xornada lectiva do profesorado iniciou xa a súa tramitación parlamentaria no Congreso dos Deputados pola vía de urxencia.

Ante o inicio deste proceso lexislativo, ANPE rexistrou un documento dirixido aos distintos grupos parlamentarios no que expón varias propostas de mellora que, segundo o sindicato, aínda poden incorporarse ao texto mediante o correspondente trámite de emendas.

Entre as principais medidas defendidas por ANPE, destacamos:

  • A necesidade de reforzar a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Neste sentido, o sindicato solicita que o futuro ditame inclúa o compromiso das Administracións educativas de dotar aos centros dos recursos humanos e materiais necesarios para garantir unha atención adecuada e de calidade. Así mesmo, en ANPE propoñemos que este alumnado compute como dúas prazas no cálculo da cociente máxima por aula, unha medida que considera fundamental para favorecer unha atención máis individualizada e mellorar as condicións de ensino e aprendizaxe dentro das aulas.

  • Outra das reivindicacións trasladadas ao Congreso fai referencia ao calendario de aplicación da redución de ratios. O sindicato considera necesario acelerar a súa implantación en todas as etapas educativas e expón que a norma estableza unha data límite concreta para o seu cumprimento, permitindo ao mesmo tempo que cada administración educativa adapte o seu ritmo de implementación dentro dese marco temporal.

Desde ANPE, sinalamos que a redución da ratio nas aulas, xunto cunha axeitada dotación de recursos humanos e unhas mellores condicións laborais para o profesorado, son elementos esenciais para avanzar cara a unha educación pública de maior calidade.

En ANPE confiamos agora en que os grupos parlamentarios incorporen estas propostas ao texto definitivo do Proxecto de lei durante a súa tramitación no Congreso.