• Noticia nova

O profesorado galego non merece este espectáculo, recuperemos a perspectiva


18 Nov, 2025

WEBO profesorado galego non merece este espectáculo. Merece rigor, capacidade de traballo e de negociación para a consecución de obxectivos e unha unidade sindical real

Dende hai dous anos conseguimos mantela CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP mentres que o resto decidiron non unirse polo que, seguimos traballando para desenvolver por completo o Acordo que asinamos.

Unha vez máis temos que deixar claro o noso posicionamento sobre o que outros pretenden amosar como busca da “unidade sindical”, apoio de “maiorías sociais” e mesmo de supostos mandatos do profesorado”. A mobilización debe servir para acadar negociacións (que é o marco no que estamos e ao que legalmente pode incorporarse de forma inmediata calquera outra organización sindical) ou desbloquealas (que pode ocorrer nun futuro).

Cada organización ten a súa lexítima estratexia sindical e os resultados están aí para quen queira velos. A finalidade da nosa estratexia é conseguir melloras para todo o profesorado, tamén para o que non está afiliado ás nosas organizacións, mentres outras organizacións levan case 18 anos sen conseguir nada e coa finalidade prioritaria dun obxectivo político (respectable en todo caso).

Dito isto, cómpre aclarar algunhas cuestións para que todo o colectivo docente coñeza con transparencia o que realmente está acontecendo.

1. De onde saen as reunións para a busca dunha unidade de todas as organizacións sindicais?
A CIG-Ensino tenta presentarse como impulsora dunha unidade plena, mais a realidade é distinta. Tiveron que ser outras organizacións sindicais as que se puxeran en contacto con CCOO Ensino, ANPE ou UGT-SP para explorar vías de consenso, non hai máis.
Mentres isto acontecía, a CIG-Ensino preferiu continuar cun relato que busca marcar posicións de máximos, sen espazo real para a negociación.

2. As folgas: participación baixa e un discurso alleo á realidade
Afirmar que “a maioría do profesorado” rexeitou o Acordo de 2023 ou que apoia as folgas deste curso é simplemente falso. Os datos son claros:
● a participación foi baixa,
● non existiu seguimento suficiente para xerar un cambio,
● e a vía mobilizadora, tal e como se está a formular, non leva a ningures.

A realidade si que amosa outra cousa: a maioría do profesorado está cansa, preocupada e insatisfeita con moitos aspectos do seu traballo. Pero converter esas preocupacións nunha listaxe moi ampla de esixencias, acompañada dunha estratexia de máximos e de confrontación continua, non xerou nin unha soa mellora real en case 18 anos.

3. Sobre a reunión do 14 de novembro e o noso posicionamento

As organizacións asinantes do Acordo non pedimos tempo nin bloqueamos nada. Limitámonos a comunicar ao resto de sindicatos que tiñamos unha reunión o venres 14 de novembro coa Consellería e que, en función do resultado, decidiríamos se debíamos continuar co traballo para desenvolver plenamente o Acordo, ou abrir unha nova etapa de mobilizacións reais e efectivas.
E así o fixemos. Con rigor e sen teatro político.

4. Sen presións nin tutelas
Quen asinamos o Acordo sabemos o que implica defender cada punto nunha mesa de negociación: desgaste constante, presión e moito traballo que non se ve. Por iso deixamos claro que ningunha outra organización sindical nos vai marcar nin o ritmo nin a folla de ruta.

Nestes meses esixíusenos de todo:
● primeiro retirar a sinatura do Acordo para logo apoiar unha folga,
● despois sumarnos a dous días de paro sen poder opinar absolutamente nada,
● e agora preténdese facer ver que non queremos unidade sindical porque non aceptamos un calendario de mobilizacións improvisado para reclamar un marco negociador no que nós xa estamos a traballar desde hai dous anos.

5. O que toca agora
A tarefa inmediata é clara: desenvolver o Acordo nas etapas de Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial e que estas medidas se apliquen desde o vindeiro curso 26-27. Ese é o camiño que dá resultados, o que mellora condicións, ratios, tempos docentes e recursos.
Debemos aproveitar a nosa presenza en mesas de negociación e comisións de seguimento de acordos para conseguir outras melloras do sistema educativo en cuestións como a atención á diversidade, a mellora da rede de Orientación, as problemáticas derivadas da implantación da nova FP, a redución da burocracia, etc.

Hai cuestións que deben solucionarse urxentemente e outras que, por moito que queiramos,requiren do seu tempo para levarse a cabo.
 

Sabemos que teremos que aguantar o tipo fronte a presións, difamacións e medias verdades, tanto nos centros educativos como nas redes sociais.

Cada organización ten lexitimidade para escoller as súas ferramentas e debe respectar as eleccións das demais. Chegado o momento, será o profesorado o que terá que facer balance do traballo dunhas e doutras e das medidas reais conseguidas, non das esixidas.

O profesorado galego merece sindicatos centrados en mellorar as súas condicións reais de traballo, non en manter un relato permanente de confrontación. CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP continuaremos traballando con serenidade, firmeza e resultados.