WEB - NP_ Recorte inaceptable á inclusión educativa en Galicia
En pleno verán, con centros pechados, familias desconectadas e equipos docentes sen capacidade de reacción, a Consellería de Educación vén de executar un novo e inaceptable recorte na atención ao alumnado máis vulnerable de Galicia. O Goberno da Xunta, presidido por Alfonso Rueda, comunicou hoxe, a través dunha reunión telemática, que se suspende o programa RAOGAL (Rede de Acompañamento e Orientación ao Alumnado de Galicia), deixando sen alternativa a decenas de profesionais e, o que é máis grave, a centos de alumnos con necesidades específicas de apoio educativo.
Este anuncio, realizado o 30 de xullo nunha reunión telemática coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación educativa, confirma que non hai financiamento para cubrir as 31 nóminas do persoal substituto que aseguraba a continuidade do programa entre o 8 de setembro e o 30 de xuño. Segundo palabras literais da administración, “están a elaborar os orzamentos” e, polo tanto, o programa cae por falta de fondos.
Resulta especialmente indignante que este recorte chegue poucas semanas despois de que o propio presidente Rueda anunciara en maio a consolidación de RAOGAL, como parte da súa suposta aposta pola educación inclusiva: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/46580 e nunha xornada formativa celebrada o 2 de xuño deste ano, a propia Consellería confirmou a continuidade do programa polo bo resultado acadado.
Cómpre lembrar que este programa se financiou con fondos europeos (ainda que se vendera como propio da comunidade) e así, no 2023 Galicia recibiu máis de 2 millóns de euros e contou con 71 profesionais , en abril de 2024, a Xunta fixo pública unha inversión inicial de 1,2 millóns de euros para contratar a 31 profesionais especialistas en orientación, pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe, destinados a centros con alta complexidade educativa. A pesar desa inversión, o curso 2024-2025 xa comezou cun recorte significativo de profesorado dentro do programa, reducindo os recursos humanos dispoñibles e debilitando a súa implantación. Agora, con esta decisión, consúmase a súa eliminación de facto, ignorando os informes positivos e a urxente necesidade de reforzar a atención á diversidade.
Este programa ía dirixido ao alumnado e ás familias máis vulnerables, actuando como nexo de traballo e coordinación entre os xa saturados departamentos de orientación dos centros e outros organismos e administracións que colaboran nesta atención: servizos sociais, sanidade (especialmente saúde mental), equipos de menores, fiscalía, entre outros. A desaparición do RAOGAL supón romper esta ponte de comunicación e apoio integral tan necesaria para garantir unha resposta efectiva ás necesidades deste alumnado.
- Onde queda agora esa suposta aposta pola inclusión?
- En que partidas se vai investir ese diñeiro que xa non irá destinado ao acompañamento e orientación do alumnado máis necesitado?
- É este o modelo de xestión educativa que merece Galicia?
Desde ANPE Galicia, como organización sindical comprometida coa defensa dunha educación pública de calidade e inclusiva, denunciamos esta nova agresión á equidade no sistema educativo galego. Esiximos explicacións públicas e unha rectificación inmediata. Non hai xustificación posible para este novo recorte.
Porque a inclusión non se suspende no verán.
E os dereitos do alumnado máis vulnerable non se recortan por falta de previsión.