ANPE chama á concentración en apoio ao IES As Lagoas de Ourense


11 Mar, 2025

WEB ANPE chama á concentración polo IES As Lagoas de Ourense, o  12 de marzo ás 19 h na Rúa Concello diante da Dirección Territorial.

BASTA XA!  MAÑÁ PODES SER TI! POLA DIGNIDADE DO PROFESORADO.

6/03/ - ANPE mostra o seu total apoio ao profesorado do IES As Lagoas de Ourense ante os feitos gravísimos acontecidos e defende, unha vez máis, a dignificación da nosa profesión

A semana pasada, o luns 24 de febreiro, o exterior do IES As Lagoas apareceu cheo de panfletos a modo de nota necrolóxica co lema “derecho a aprender matemáticas”. Posteriormente, o mércores 26 produciuse unha concentración por parte desas persoas acosando ao profesorado e dirección do centro educativo, difundindo tamén en redes sociais e medios de comunicación informacións totalmente falsas.

Dende esta Xunta de Persoal non podemos tolerar as formas mafiosas para resolver cuestións académicas que teñen cauces perfectamente establecidos e, que non queren respectar ou quizais non colman os seus intereses particulares e pretenden satisfacelos amedrentando ao profesorado coa ameaza pública e a difamación gratuíta. Nós facemos unha defensa inequívoca do ensino público coa convición de que é a mellor garantía da escola plural, xusta e democrática, sendo o funcionariado docente un dos piares nos que se sustenta esa anhelada igualdade de oportunidades.

Calquera desconformidade cunha nota ou con calquera aspecto curricular dunha materia teñen un itinerario de reclamación que pasa pola titoría, o centro e a inspección educativa. Teñen todos os cauces administrativos e xudiciais para velar polos seus dereitos. A coacción é inadmisible e non é un exemplo para o alumnado

Hoxe esta Xunta de persoal docente entrevistouse co Director Territorial de Educación para esixir que se involucre na solución deste caso gravísimo contra unha docente, contra unha dirección e contra un centro educativo, que podería ser contra calquera compañeira ou compañeiro que hoxe ten que facer fronte a unha innegable falta de confianza e o cuestinonamento constante do seu traballo. A Consellería de Educación non pode ignorar e non actuar ante a desprotección do colectivo docente.

Esiximoslle que ten que saír en defensa do profesorado, explicando que existen medios perfectamente regrados para que calquera membro da comunidade educativa que discrepe na metodoloxía, cualificacións, actitudes ou calquera outra cuestión relacionada co proceso de ensino-aprendizaxe. Ten que esixir que se empreguen eses cauces legais para obter as explicacións pertinentes e ten que mostrarse intolerante e contundente ante actitudes manipuladoras e demagóxicas das responsábeis destes ataques ao profesorado, ao ensino público e á institución que representa.

Precisamente para reclamar esta esixencia, a dignificación da nosa profesión e pola dignidade do profesorado, dende esta Xunta de Persoal Docente tamén facemos un chamamento ao profesorado do ensino público para que participe na concentración que levaremos a cabo o vindeiro mércores día 12 de marzo ás 19:00 horas, na rúa Concello, diante da Dirección Territorial de Educación.